Iniciativa sobre a solicitude de cesión do inmoble do antigo colexio de Celeiro (Viveiro) para trasladar a escola oficial de idiomas Luz Pozo Garza e ampliación das instalacións do colectivo social ASPANANE
En marzo do ano 2019 tres administracións -Xunta de Galicia, Concello de Viveiro e Deputación de Lugo- chegaban a un triplo acordo que permitiría, por unha banda, o traslado da escola oficial de idiomas Luz Pozo Garza ao edificio do antigo colexio de Celeiro, previa rehabilitación do inmoble e, en segundo lugar, que a asociación ASPANANE (Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual) poida completar as súas instalacións cunha nova residencia, aproveitando o espazo que deixa baleiro o centro de idiomas.
Para facer realidade ese obxectivo, ademais do financiamento das obras ao que se comprometían as tres administracións, era imprescindible contar coa cesión do antigo colexio de Celeiro, que é propiedade do Goberno central, en particular da Tesourería Xeral da Seguridade Social. O propio Concello comprometeuse a realizar diante da administración central as xestións necesarias para lograr esta transferencia, sen obter éxito, ata o momento.
Transcorridos máis de dous anos dese acordo a realidade é que non foi posible cumprir ningún destes obxectivos, como consecuencia da falta de vontade e intransixencia do Goberno central que, nun primeiro momento, negou toda posibilidade de cesión das instalacións do vello colexio de Celeiro e, despois, tras rectificar ante a presión social e política recibida, amosouse disposto a esa transferencia sempre que se realice a título oneroso, isto é, previa venda das instalacións do vello colexio.
Con esta incomprensible decisión o Goberno central incorre como mínimo en tres comportamentos reprochables:
En primeiro lugar, a Executivo central incumpre deliberadamente o acordo acadado no Parlamento de Galicia o pasado mes de novembro, a iniciativa do Grupo Popular, e aprobado por unanimidade, isto é, co voto favorable de todas as forzas políticas. Nel a Cámara galega instaba ao Goberno central a formalizar a doazón do edificio do antigo colexio á maior brevidade posible.
En segundo lugar, o Executivo central pretende facer negocio co antigo colexio de Celeiro, un edificio pechado e sen uso, que na actualidade está practicamente en situación de abandono e que segue deteriorándose sen que a administración central sexa quen de darlle un uso alternativo.
Finalmente a posición da Tesourería Xeral da Seguridade Social incorre nun agravio comparativo. Sen saír da localidade e na propia comarca, existen exemplos dabondo de inmobles propiedade deste organismo que foron cedidos a outras administracións de xeito gratuíto para darlles novos usos.
Non é certo, en consecuencia, que a normativa vixente impida a cesión gratuíta de inmobles propiedade da Tesourería Xeral de Seguridade Social. Así aconteceu coa cesión gratuíta da Casa do Mar do Vicedo, para destinala a centro de dia; coa cesión gratuíta da Casa do Mar de San Ciprián (Cervo), para destinala a nova escola infantil municipal; coa cesión da Casa do Mar de Foz, ou tamén coa cesión de varios solares, ambos favor do Concello, como aconteceu en Mondoñedo.
O Goberno central torpedea a aspiración da veciñanza de Viveiro e do conxunto da comarca que, hai xa máis de dous anos, acollía con satisfacción e esperanza o triplo acordo ao que chegaron a Xunta, o Concello de Viveiro e a Deputación provincial, nun exemplo moi positivo de colaboración institucional. Deste xeito, Viveiro blindaba a continuidade da súa escola oficial de idiomas, que contarían cunhas instalacións máis amplas e modernas e ASPANANE faría realidade o seu proxecto residencial para a atención de persoas con enfermidade mental.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reiterar ante o Goberno de España a solicitude de cesión do inmoble do antigo colexio de Celeiro (Viveiro) para, previa rehabilitación, trasladar alí a escola oficial de idiomas Luz Pozo Garza e, a súa vez, permitir o aproveitamento dos espazos que deixa baleiros o centro de idiomas para a ampliación das instalacións do colectivo social ASPANANE, con destino a novos usos residenciais. Esta cesión efectuarase a título gratuíto”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001467