Iniciativa sobre a reconstrución do viaduto do Castro, na autovía do Noroeste
A comezos deste mes de febreiro o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana iniciou os traballos de demolición do tramo do viaduto do Castro dirección Madrid da A-6 que aínda se mantiña en pé.
Iniciáronse as obras de derribo da infraestrutura, pero oito meses despois de que o viaduto da Autovía do Noroeste, sentido A Coruña, colapsara, aínda seguimos sen coñecer con exactitude as causas que provocaron unha situación que non ten precedentes na rede viaria española.
O Goberno central, pese á reiteración da petición por parte do Goberno galego, mantén a incógnita sobre o episodio ao non remitir a documentación sobre as inspeccións especiais realizadas que se comprometera a facilitar.
Unha información que é básica, non só para comprender o acontecido senón para tomar decisións que garantan que unha situación como esta non volva repetirse.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a pedir ao Goberno España que:
1º- Proceda con toda a celeridade posible a dar solución ao problema xerado tras o colapso e o peche á circulación do viaduto do Castro, na Autovía do Noroeste, unha das principais vías de entrada e saída de Galicia á Meseta.
2ª- Inicie a reconstrución do viaduto do Castro en ambos os sentidos de xeito simultáneo, co fin de restablecer o antes posible a circulación por este punto da
A-6.
3º- Actúe con transparencia e ofreza información continua para manter ao día aos galegos, aos concellos afectados e á Administración autonómica sobre as novidades e avances que se vaian producindo en relación aos prazos e previsión sobre a reconstrución do viaduto”.