Santiago, 22 de febreiro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou hoxe que “todo o persoal sanitario de Galicia ganará máis neste ano 2017 que o pasado 2016”. Así mesmo, avanzou que están previstos concursos de traslados abertos e permanentes, así como a convocatoria do máximo de prazas para o acceso de novo persoal estatutario fixo en primaria e hospitais, en concreto 820 persoas, “unha cifra que se incrementará no caso de desaparecer as limitacións que establece a taxa de reposición en vigor que o Goberno galego xa ten solicitado a súa eliminación”.
Aurelio Núñez lembrou que “un Goberno bipartito débil e pouco cohesionado negociou coas organizacións sindicais en 2008 uns acordos que a crise económica fixo imposible cumprir”. “Despois dunha longa e dura travesía con orzamentos minguantes, o pasado ano 2016 e o presente de 2017 medraron as contas da Xunta”, sinalou.
O 41% DOS ORZAMENTOS DA XUNTA
En concreto, Núñez Centeno dixo que Sanidade leva neste 2017 o 41,9 por cento do total do orzamento da Xunta, sendo os gastos de persoal o 43,4 por cento do correspondente ao Sergas. “Soamente a recuperación do complemento específico das pagas extraordinarias representa un importe de 44 millóns de euros na Consellería de Sanidade”, manifestou.
Así mesmo, Aurelio Núñez apuntou que se está a negociar cos sindicatos un plan de estabilización para reducir as taxas de temporalidade no sistema sanitario público de Galicia, que suporá de inmediato a conversión de 400 prazas eventuais en nomeamentos interinos, así como un orzamento de 7,4 millóns de euros para a contratación de persoal temporal, diante da necesidade de reforzar os cadros de persoal cando sexa preciso