Santiago, 3 de xuño de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España que modifique a normativa existente para garantir unha atención adecuada aos fillos que padecen enfermidades graves independentemente da súa idade, ao tempo que dita atención sexa compatible co desenvolvemento dunha actividade laboral.
A deputada popular Cristina Sanz lembrou que o Real Decreto 1148/2011 para a aplicación e desenvolvemento, no Sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cáncer ou outra enfermidade grave recolle como unha das causas da extinción deste dereito que o menor cumpra18 anos.
ACREDITAR A NECESIDADE DO COIDADO
“Desde o Grupo Popular consideramos necesaria a modificación deste artigo para que se amplíe a cobertura máis aló da maioría de idade, sempre que se acredite a necesidade de coidar aos fillos de xeito directo, continuo e permanente”, indicou.
Así mesmo, Cristina Sanz apuntou que “a acción protectora debe ampliarse aos pacientes con cancro ou enfermidade grave maiores de idade, axudando a todas aquelas familias, especialmente con fillos con enfermidades minoritarias, crónicas e progresivas, que acaban xerando un alto grao de discapacidade e dependencia, que, máis que solucionarse na súa maioría de idade, agrávanse posto que en moitos casos non existen tratamentos efectivos”.
“Os efectos destas enfermidades non se limitan á saúde física dos pacientes, senón tamén á psicolóxica e emocional, tanto deles como das súas familias, e non desaparecen en modo algún aos 18 anos, polo que a aprobación deste tipo de propostas axudaría a facilitarlles a vida”, manifestou a deputada popular.
Cristina Sanz sinalou que “esta preocupación do Grupo Popular tense trasladado tamén ao Congreso, onde os deputados do PP presentaron iniciativas coa mesma sensibilidade e finalidade que a aprobada hoxe no Parlamento galego para o seu debate tanto en Comisión como en Pleno”.