Santiago, 26 de febreiro de 2019.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, asegurou hoxe que “non renunciamos a aspirar ao teito competencial máximo, polo que non imos obstaculizar a tramitación da transferencia da competencia de tráfico a Galicia, pero si consideramos máis urxente que se cumpran os compromisos tanto para a transferencia da AP-9, como de reposición dos efectivos da Policía Autonómica e os cartos recoñecidos nos orzamentos xerais do Estado pola boa xestión económica de Galicia”.
Neste sentido, afirmou que a proposición de lei socialista “é unha cortiña de fume para ocultar a aldraxe con Galicia duns orzamentos xerais, apoiados por En Marea, e para dar coartada ás cesións do Goberno socialista aos independentistas cataláns e nacionalistas vascos”.
Martín Fernández Prado asegurou “aspiramos a máis e mellor autogoberno, reservándonos o dereito a valorar se a Galicia lle convén asumir calquera competencia”. “Mellorar o noso autogoberno non consiste só en ter máis competencias, senón en exercer as que se teñen con solvencia e garantía de futuro”, anotou.
Neste sentido, concretou que “cómpre ter claras as prioridades reais que ten Galicia, pero tendo en conta a oportunidade política”. “Non parece o máis oportuno formular esta demanda de novas competencias para Galicia en materia de tráfico nun momento no que en España grupos independentistas están a xerar importantes tensións territoriais e, ademais, facelo xusto despois de que a Xunta falara de priorizar estas transferencias, querendo marcar unha axenda distinta á que ten o Goberno galego”, apuntou.
NECESIDADES URXENTES QUE DEBEN CUMPRIRSE
O portavoz popular incidiu que “estamos a favor de falar da transferencia de tráfico, pero isto non pode ser unha cortiña de fume porque hai necesidades inmediatas máis urxentes con Galicia que deben cumprirse”. A modo de exemplo, citou “a necesidade de completar o cadro do persoal da Policía Autonómica, que neste momento presenta un déficit de 100 axentes, e que levan adiante unha función tan importante como a loita contra os lumes, o furtivismo ou a violencia machista”.
En segundo lugar, Fernández Prado demandou a transferencia da AP-9 “sen custe para os galegos e conseguindo que se revise ese negocio redondo propiciado polo Goberno socialista de Zapatero do incremento acumulativo de 1 por cento nas peaxes”.
Martín Fernández tamén demandou que “os galegos non paguemos as consecuencias das cesións aos independentistas a través da caída sen precedentes dos orzamentos xerais do Estado para Galicia, avalados e asinados polos deputados de En Marea”. En concreto, criticou que “a rebaixa do 20 por cento nos investimentos do Estado para Galicia fronte a un incremento do 57 por cento para Cataluña, unicamente para comprar as vontades políticas dos independentistas”.
QUENTURA POLÍTICA DOS SOCIALISTAS
Así mesmo, o portavoz popular pediu que “se abonen as compensacións ás que Galicia ten dereito por ter sido unha comunidade autónoma leal e responsable”. “Estamos a falar de 85 millóns de euros ao ano no período entre 2018 e 2020, que xa estaban previsto nos orzamentos do pasado ano pero que o Goberno socialista aínda non abonou”, apuntou.
Para rematar, Martín Fernández lembrou que “esta quentura política dos socialistas demandando máis competencias para Galicia ven dos mesmos que impediron esta transferencia cos seus votos no pasado, polo que se hoxe a transferencia de tráfico non está feita é polo voto en contra do PSOE en 2010 no Congreso”.