O portavoz de Mobildade do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, avogou hoxe pola “transparencia total” no que respecta dos contratos dento do actual Plan de Transporte Público de Galicia, os expedientes sancionadores incoados ás empresas, os quilómetros percorridos no transporte ou da frota de autobuses titulares e reservas de todas as concesións de transporte colectivo competencia da Xunta.
Para iso, o Pleno do Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a emenda presentada polo Grupo Popular a unha moción do BNG, na que se insta á Xunta a trasladar aos grupos con representación no Parlamento de Galicia:
1. A relación de expedientes sancionadores incoados ás empresas concesionarias nos anos 2021, 2022 e 2023, e a resolución dos mesmos, indicando o motivo de sanción e o importe da mesma.
2. Os datos de quilómetros percorridos no transporte á demanda por concesión no anos 2021, 2022 e 2023, número de viaxeiros e número de expedicións, engadindo a cada unha delas os datos de kms. e expedicións recollidos no contrato concesional.
3. A documentación que se solicite relativa ás ofertas gañadoras dos contratos dentro do actual Plan de Transporte Público, que non fora declarada confidencial
4. Os datos a 31 de decembro de 2024 da frota de buses titulares e reserva de todas concesións de transporte colectivo competencia da Xunta de Galicia, cos datos de calidade medioambiental e antigüidade.