Santiago, 16 de marzo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero demandou hoxe no Parlamento que os grupos parlamentarios do Congreso preserven o Pacto de Toledo como instrumento no que consensuar o avance, adaptación e modernización do sistema público de pensións. Así mesmo, manifestou o apoio á inclusión nos orzamentos do Estado para 2018 de axudas fiscais no IRPF para os pensionistas, así como dunha mellora das pensións mínimas e de viuvez.
Cristina Romero asegurou que “o debate das pensións, tanto do presente como do futuro, é de tal transcendencia que o temos que afrontar sen demagoxia, e facelo así é un clamor social”. “Precisamente para evitar caer na demagoxia de quen ofrece máis sen explicar como afrontalas; e para analizar os problemas estruturais do sistema e as reformas que se deberían acometer para garantir o futuro dunhas pensión dignas naceu o Pacto de Toledo”, indicou.
A deputada popular avogou por “continuar dando cumprimento ao establecido no artigo 50 da Constitución, que obriga aos poderes públicos a garantir pensións axeitadas e periodicamente actualizadas ás nosas persoas maiores”.
EXCEPCIÓN DO GOBERNO SOCIALISTA
“Dicimos continuar porque así se veu facendo, a excepción da decisión do Goberno socialista de conxelalas, non usar o fondo de reserva en 2011 cunha inflación do 2,9 por cento e provocar a conseguinte perda de poder adquisitivo”, explicou. Pola contra, salientou que “cando o PP chegou ao goberno, no peor momento dunha crise económica devastadora e cun sistema que sufriu a perda de tres millóns de cotizantes mentres os pensionistas se incrementaban en un millón, non só se desconxelaron as pensións, senón que se revalorizaron todos os anos”.
Cristina Romero apuntou que “hoxe se pagan máis pensións que nunca, máis altas e durante máis tempo”. Así, concretou que a pensión media en España pasou dos 766,52 euros en 2007 aos 1.071,01 euros en 2017 e, por primeira vez desde 2008, os ingresos por cotas medra por enriba do gasto en pensións.
Deste xeito, demandou aos representantes de En Marea que “traballen no Congreso dos Deputados dentro do Pacto de Toledo, presenten alí a lei para modificar o cálculo das pensións e apoien as medidas fiscais no IRPF para os pensionistas e as propostas de mellora das pensións mínimas e de viuvez”.