Santiago, 8 de marzo de 2022.- A viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta impulse o Plan estratéxico do sector agrario da comarca da Limia, co fin de alcanzar un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos e reducir a concentración de nutrientes nas augas.
Así mesmo, solicitou que o Goberno de España axilice a tramitación das autorizacións solicitadas á Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a modernización do regadío da Limia, así como o inicio inmediato das obras comprometidas de limpeza de canles e camiños secundarios para mellorar o financiamento e eficiencia do regadío da Limia por un importe de 16 millóns de euros.
Elena Candia manifestou que “sostenibilidade é atender as necesidades do presente sen comprometer as necesidades do futuro, é dicir, buscar o equilibrio entre o crecemento económico e o coidado do medio ambiente”. Neste sentido, incidiu que desde o PPdeG “apostamos por un rural sostible”, para o que avogou por potenciar a gandería en extensivo a través do aumento da base territorial, avanzar no plan de pastos para ter máis base territorial, traballar no proxecto de Lei de sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras, deseñar un proxecto para a xestión conxunta dos xurros e levar adiante a estratexia do sector lácteo.
Na súa intervención, a viceportavoz popular considerou necesario que a Xunta “continúe impulsando o Plan estratéxico do sector agrario na comarca da Limia”, pero tamén incidiu na necesidade de que “o Goberno central “asuma a maior porcentaxe posible no financiamento da modernización do regadío da Limia, co fin de que as comunidades de regantes poidan asumir o desembolso que lles corresponda”.