O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular a través da cal se insta ao Goberno central a definir e publicar unha estratexia nacional para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.
“Cabe sinalar -indicou- que esta iniciativa conta co respaldo da Autoridade Portuaria, da Universidade de Vigo e o tecido empresarial, apoios que están reflectidos nun estudo presentado en Bruxelas”.
O deputado popular Miguel Fidalgo denunciou a inacción e a falta de compromiso dos sucesivos gobernos socialistas cunha infraestrutura que cualifican de estratéxica non só para Galicia, senón para o conxunto do Estado e de Europa.
Así, lembrou que a exclusión de Vigo foi unha decisión inxusta adoptada durante o mandato de José Luís Rodríguez Zapatero e mantida polo actual Executivo de Pedro Sánchez, que rexeitou asumir a súa responsabilidade ao escudarse en que debían ser os eurodeputados quen loitasen por revisar os criterios, un argumento que os populares tachan de falso ao ser competencia directa do Goberno central propoñer e defender oficialmente as candidaturas.
Ademais, incidiu en que hai que recordar que “Pedro Sánchez e Óscar Puente si incluíron a Santander e Castellón, esquecendo que non cumprían cos criterios esixidos”.
Fronte a esta postura, o parlamentario popular puxo en valor o traballo do Partido Popular no Parlamento Europeo, onde se introduciron ata 25 emendas para mellorar a posición loxística de Galicia e do Porto de Vigo. Unhas melloras que, malia ser aprobadas pola Eurocámara, foron ignoradas polo Executivo central nos trílogos, mesmo baixo a presidencia española do Consello da Unión Europea.
O Grupo Popular defendeu que o Porto de Vigo cumpre cos criterios técnicos para ser considerado un nodo básico da rede TEN-T: é o primeiro porto pesqueiro de Europa, conta con conexión ferroviaria coa Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN), opera como terminal clave na exportación de vehículos e forma parte activa das autoestradas do mar. Por iso, mentres a Xunta mantén o seu compromiso firme a todos os niveis, os populares consideran indispensable o apoio estatal para obter os fondos europeos vinculados á rede básica.
Miguel Fidalgo destacou que “non estamos a falar dunha pugna Vigo-A Coruña, nin de quitar nada a outros portos, senón de que cada porto galego desenvolva todo o seu potencial e acade o maior beneficio para Galicia”.
Así mesmo, na súa intervención o parlamentario autonómico lembrou que “esta infraestrutura moveu, en 2025, 5,5 millóns de toneladas; 674.000 vehículos en Bouzas; e 309.000 TEUS, ademais de contar co liderado nacional do Berbés en pesca fresca”. “Tamén hai que ter en conta o seu valor engadido no eido da industria alimentaria, a pesca, a automoción, a conectividade, o emprego, a importancia estratéxica e a sostenibilidade, entre outros, é dicir, conecta Galicia co mundo”, subliñou.
Por todo isto, a iniciativa do Grupo Popular, aprobada polo Parlamento galego, reclama ao Executivo central a definición e publicación dunha estratexia conxunta para que o porto de Vigo sexa incluído na Rede Básica Transeuropea de Transporte TEN-T, que contemple accións específicas para a súa inclusión na próxima revisión prevista pola Comisión Europea.
Así mesmo, avoga pola apertura dunha mesa técnica intergobernamental coa participación de Galicia, eurodeputados e o sector loxístico, ao tempo que esixe activar un plan de compensación financeira con fondos da Unión Europea para garantir as obras clave en Vigo mentres non se modifique o seu status.
Por último, os populares demandan total transparencia na repartición territorial dos fondos do Corredor Atlántico, concretamente no que respecta aos 3.100 millóns de euros anunciados polo Comisionado para investimentos ata o ano 2030.