A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, lamentou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “un de cada catro españois menores de 25 anos estaba en situación de desemprego ao pechar o ano 2024, o que sitúa a España como líder de Europa en desemprego xuvenil”. Por este motivo, asegurou que “se hai un lugar onde fai falta un cambio de rumbo en materia laboral non é en Galicia, é no Goberno de Pedro Sánchez”.
Nicole Grueira sinalou que “mentres o Goberno de Pedro Sánchez bate récords en paro e precariedade, en Galicia estanse a facer as cousas ben, como amosa a Enquisa de Poboación Activa do último trimestre de 2024”. En concreto, lembrou que o número de mozos ocupados en Galicia incrementouse o pasado ano en 7.100 persoas e a taxa de paro xuvenil situouse por baixo da media estatal. “Galicia é a comunidade que máis incrementou o número de mozos traballando nos últimos dez anos”, salientou.
Entre as medidas postas en marcha polo Goberno galego, a portavoz popular destacou a Estratexia Mocidade Activa, “dotada con 20 millóns de euros e que nace para mellorar a situación vital das persoas mozas e a súa empregabilidade a través de iniciativas de fomento da contratación, como o programa Cooperas, o programa de primeira experiencia profesional, o programa Investigo ou o programa Galicia Emprega Mozos”.
Para rematar, e referíndose ás criticas realizadas no día de onte polas Xuventudes Socialistas sobre a desconexión dos socialistas galegos coa mocidade, Nicole Grueira manifestou que “se nin os seus propios mozos creen no que fan, eu pregúntome como pretenden que os creamos os demais?”. “Galicia ten políticas que funcionan e a xuventude sábeo, por iso o PPdeG é o partido máis votado entre as mozas e o mozos galegos”, concluíu.