A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, salientou hoxe que “Galicia é unha comunidade pioneira en medidas a favor da mocidade do rural galego, con axudas para o acceso a novas tecnoloxías, a vivenda ou o transporte público”, e criticou a “visión negra e interesada do nacionalismo galego sobre o noso rural, que non ten nada que ver coa realidade”.
“Mentres o BNG se aferra a esa visión negra do noso rural, o Goberno de Alfonso Rueda está traballando a pe de campo con feitos para reforzar, impulsar, modernizar e continuar garantindo que o rural galego siga sendo un referente en España e en Europa”, sinalou Nicole Grueira.
En concreto, a portavoz popular referiuse ao Plan de Remuda Xeracional, baseado na formación, sensibilización e na incorporación para asegurar a supervivencia dun rural vivo, resiliente e sostible. Así, salientou que “máis de 5.000 mozos e mozas galegas incorporáronse ao rural desde 2009 gracias ás axudas da Xunta, que este ano incrementará o seu orzamento nun 21 por cento”.
MOBILIDADE E VIVENDA
No ámbito da mobilidade, Nicole Grueira sinalou que “mentres a Xunta aposta por mellorar o transporte público, poñendo en marcha o transporte compartido e baixo demanda para mellorar as conexións do rural, dándolles aos máis novos a tarxeta xente nova para viaxar gratis por Galicia, aumentando liñas, reforzando horarios e mellorando o servizo cada vez máis; o Goberno de España propón eliminar 22 paradas, prexudicando a máis de 130.000 galegos, e usa a bonificación do transporte como moeda de chantaxe”.
Para rematar, Grueira destacou as axudas á mocidade galega de ata 10.800 euros para comprar unha casa en concellos de menos de 10.000 habitantes, “unha medida á que se engadirá o bono Emancípate que apoia aos mozos con ata 3.000 euros para os primeiros gastos de emancipación”.
“Todas estas axudas son claves para que Galicia sexa unha comunidade pioneira en medias a favor da xuventude do rural, para que o 33 por cento dos produtores de leite de Galicia teñan menos de 45 anos, para evitar o abandono das explotacións, para garantir o relevo no sector agrogandeiro galego, e, en definitiva, para que o rural de Galicia sexa un lugar de oportunidades, no que calquera mozo que queira emprender poida facelo”, rematou.