Santiago, 22 de novembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento que adopte as medidas definitivas que permitan garantir a seguridade viaria na estrada N-120 no tramo entre Ourense e Monforte, como a dotación de carrís adicionais que eliminen os riscos existentes na actualidade e a consolidación definitiva dos noiros das marxes desta estrada.
Julia Rodríguez lembra que o tramo da estrada N-120 entre Monforte e Ourense “vén sufrindo desprendementos desde hai anos, provocando accidentes de diversa consideración e riscos para o conxunto dos usuarios”. Esta situación levou a que se construíran muros de contención ou valos metálicos de separación da calzada respecto dos taludes, ademais de sinalar o risco de desprendementos.
DERRUBES CONSTANTES
Neste sentido, a deputada popular recorda que o pasado ano producíronse varios derrubes, entre eles un dun noiro que deixou un ferido e danos en dous vehículos e outro que obrigou a cortar un carril e regular o paso alternativo cun semáforo.
“A comezos deste mes de novembro volveu producirse un novo derrubamento de pedras de gran tamaño que obrigou a desviar o tráfico pola antiga N-120 durante case oito quilómetros, no caso dos turismos, e por Chantada, no caso dos vehículos pesados”, sinala.
Rodríguez explica que “as ladeiras laterais que delimitan esta vía presentan unha forte pendente, con rocas que sobresaen e que, por efecto dos axentes meteorolóxicos, chegan a desprenderse, sendo insuficientes as mallas metálicas para contelas, cando o seu peso e tamaño é considerable”. Ademais, considera “evidente que os traballos de afianzamento levados a cabo tras os sucesivos derrubamentos sufridos nesta estrada non teñen servido para consolidar unha ladeira que representa un enorme risco de desplome para os usuarios da N-120 entre Os Peares e Ourense”.
Diante desta situación, a deputada popular solicita que o Ministerio de Fomento adopte as medidas definitivas que permitan garantir a seguridade viaria nesta estrada no tramo comprendido entre Monforte e Ourense, “tendo presente que se ten encargado a redacción dun proxecto para a dotación de carrís adicionais e a necesidade de incluír medidas de consolidación dos noiros da estrada”.