O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen votos en contra, a iniciativa do Grupo Popular relativa a que a Xunta complete a implementación dos caixeiros de autoservizo nas 54 oficinas de emprego de Galicia, contribuíndo, así, á “cobertura total no territorio”.
O obxectivo, tal e como remarcou a deputada do Grupo Popular, Noelia Pérez, é “seguir construíndo un Servizo Público de Emprego máis útil, próximo e eficaz para todos os galegos”. Tras incidir nos caixeiros de autoservizo como unha alternativa “cómoda e autónoma” que complementa a atención presencial, referiuse á experiencia piloto que o Goberno galego puxo en marcha, a finais de 2024, en Pontevedra, Santiago e na Coruña e da que, “ano e medio despois, máis de 4.000 trámites avalan que esta ferramenta está a funcionar”. Explicou que estes tres caixeiros de autoservizo son dispositivos de uso sinxelo, cunha interface clara e menús intuitivos, que garanten o acceso universal, con independencia do nivel de competencias dixitais do usuario.
A deputada popular fixo fincapé no proceso de “transformación profunda” do Servizo Público de Emprego, no que a Xunta leva anos traballando: “De pasar dun modelo centrado case exclusivamente na tramitación administrativa a pasar a un modelo centrado nas persoas”. Así, Noelia Pérez puxo en valor a “estratexia global de modernización” das oficinas de emprego, onde, ademais da renovación e creación de novos espazos, a dixitalización figura como un dos seus piares fundamentais. E referiuse ao mal funcionamento actual do servizo estatal de emprego, afondando nas dificultades para conseguir cita previa para realizar trámites presenciais esenciais, tales como a solicitude da prestación por desemprego.
Neste senso, salientou a ferramenta “pioneira” EMi, que permite realizar o perfilado competencial de milleiros de persoas demandantes de emprego e que serve de apoio aos traballadores das oficinas e aos orientadores laborais. Tal e como explicou, “permite coñecer mellor os perfís profesionais, casar a oferta e a demanda, detectar necesidades formativas e que os profesionais das oficinas dispoñan de máis información para orientar mellor ás persoas”.
Neste proceso de transformación dixo que, tamén, gañou protagonismo a orientación laboral: “Galicia aposta por un modelo moito máis personalizado, ao incorporar 136 novos orientadores laborais”.