Santiago, 1 de decembro de 2016.- O Parlamento galego aprobou hoxe, a proposta do Grupo Popular, solicitar á Xunta que inicie un proceso de deseño e planificación de políticas de dinamización lingüística, coa implicación do conxunto da sociedade e de diferentes axentes, para fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade.
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández, considerou “necesario buscar espazos de entendemento para achegar a lingua á mocidade”.Neste sentido, sinalou que a política lingüística da Xunta “deseñará medidas eficaces para promover cambios lingüísticos no uso e na percepción do idioma propio e prestará atención a cambios culturais, poboacionais e demográficos que tamén están na base dos resultados da enquisa Instituto Galego de Estatística”.
ASPECTOS TRANSVERSAIS
“Non dubidamos que a solución máis acaída para crear espazos de uso da lingua galega entre a mocidade é avanzar dende o consenso, a persuasión e o convencemento de que o galego, como símbolo da riqueza patrimonial dun pobo, haberá de unirnos para contribuír ao seu pleno desenvolvemento, como idioma útil e capaz de afrontar os retos e desafíos do século XXI”, sinalou o portavoz popular.
Fernández apuntou que “para darlle permanencia e futuro á lingua galega teremos que partir dunha premisa incuestionable como é traer ao presente a constatación da influencia que no idioma propio ten o compromiso da ampliación do seu uso entre as xeracións máis novas”.
Así, indicou que “partiremos daqueles aspectos transversais que constitúen eixes fundamentais da forma de vida da mocidade galega, que sinte e experimenta a súa realización vital a través da tecnoloxía, o ocio, o deporte e o lecer, sen esquecer o seu proxecto de vida cultural, educativo e de formación”.
Para acadar o obxectivo de fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade, César Fernández explicou que “analizaranse as diferentes áreas destes sectores e estableceranse medidas encamiñadas á consecución dos obxectivos que se definan, atendendo ás preferencias, soños e inquedanzas da xuventude”.