Santiago, 21 de outubro de 2020.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta que aprobe unha liña específica de subvencións dirixida a clubs federados de ámbito autonómico para facer fronte ás esixencias sanitarias derivadas da Covid-19, así como a dirixirse ao Consejo Superior de Deportes para que posibilite os mecanismos de axuda e financiamento para o sector deportivo non profesional de ámbito estatal.
A portavoz de Deporte do Grupo Popular, Lupe Murillo, afirmou que “tanto a Xunta como o PPdeG somos coñecedores da difícil situación que están a vivir os clubs e asociacións deportivas non profesionais de Galicia, que pararon totalmente a súa actividade no pasado mes de marzo sen moitos recursos fóra da propia competición”.
Neste sentido, salientou “o traballo que está a facer a Secretaría Xeral para o Deporte en permanente contacto coas federacións deportivas, escoitando directa e diariamente aos clubs, chegando incluso a mediar entre os clubs e as autoridades sanitarias na procura dunha solución axeitada a complicada situación actual”.
NUNCA PIDE E SEMPRE AGARDA
Lupe Murillo amosou a súa satisfacción polo acordo acadado no Pleno do Parlamento “para que tanto o Consejo Superior de Deportes como a Xunta axilicen a aprobación de liñas específicas de axuda para paliar a crise xerada pola Covid-19 para un sector como o deporte, que nunca pide e sempre agarda”.
Ademais, avanzou que o Grupo Popular presentará ante a recentemente creada Comisión de Reactivación económica, social e cultural de Galicia propostas que poñan en valor o mundo do deporte como motor importante da economía galega.