O Goberno de Sánchez confirma en resposta oficial aos senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- que, máis de dous anos despois do seu anuncio, o Estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela non está finalizado”.
É máis, os populares advirten da “incongruencia” entre a resposta oficial por escrito que ofrece o Goberno de España e os anuncios de licitación por parte do propio Executivo. En palabras textuais do Goberno de España, “desde a Dirección Xeral do Sector Ferroviario, actualmente atópase en fase de redacción o contrato de servizos para a redacción do estudo de viabilidade para a mellora da conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela”.
O Goberno de España anunciara o inicio do estudo de viabilidade en marzo do 2025 cun prazo de execución de 18 meses que se veñen de cumprir “sen que teñamos coñecemento de ninguén avance”, apuntan.
Os senadores do PP lembran que “Lugo é a única capital de provincia de Galicia que continúa sen conexión directa con Santiago de Compostela por tren”. E tamén a única de Galicia sen acceso directo ao AVE “ao renunciar Sánchez á construción das variantes ferroviarias”.
RESPECTO E EXPLICACIÓNS AOS LUCENSES
Os representantes do PP lucense no Cámara Alta advirten da continua “discriminación do Goberno de Sánchez á provincia” e defenden que “os lucenses merecemos respecto e explicacións claras”.
Nese sentido, avanzan que “esixiremos de novo por escrito explicacións ao Goberno de España sobre o avance na execución do estudo de viabilidade para conectar de forma directa Lugo con Santiago por tren”.