Santiago, 20 de abril de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dun acordo entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se demanda á Xunta que impulse e financie maioritariamente un plan de actuación de xestión da biomasa en faixas secundarias, é dicir, nas proximidades das vivendas e núcleos de poboación. Neste sentido, neste plan priorizarase que os propietarios realicen a limpeza dos montes sen que o seu coste exceda do que se estima un prezo xusto e se incidirá nas parroquias de alta actividade incendiaria.
O portavoz do Medio Rural, José González, amosou a súa satisfacción polo acordo acadado esta mañá na Comisión 7ª “para transmitir á sociedade galega que estamos todos na mesma loita de previr e traballar contra os incendios forestais”.
Así mesmo, salientou que coa aprobación desta proposición non de lei “estamos respaldando o acordo previsto entre a Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias para mellorar a xestión da biomasa nestas faixas secundarias”.
A través deste acordo, a Xunta comprométese a sufragar o 75 por cento dos custes das actuacións precisas en cada concello, correspondéndolle á Fegamp, aos concellos ou ás deputacións adheridos ao convenio o financiamento do 25 por cento restante. “Para reforzar este compromiso e impulsar o acordo, a Consellería asumirá este ano 2018 a totalidade dos gastos, achegando un total de seis millóns de euros”, subliñou.
José González apuntou que este acordo permitirá subvencións para a fixación por cada concello das súas faixas secundarias de xestión de biomasa, para as que despois se aprobarán plans municipais de defensa contra incendios; así como para a xestión da biomasa polos propietarios de parcelas forestais que estean dentro destas faixas delimitadas, financiando a xestión a un prezo xusto.
Así mesmo, darase prioridade aos concellos ou parroquias afectados por grandes incendios no 2017 e nos dez anos anteriores; con niveis 2 nos últimos dez anos; con alta actividade incendiaria; incluídos en zonas de alto risco; e costeiros da provincia da Coruña incluídos nas zonas de influencia do vento do nordés.