Santiago, 4 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia amosou hoxe, a través dunha proposición non de lei que só contou co voto favorable do Grupo Popular, o seu firme compromiso co Estado de Dereito e coa defensa da propiedade privada como dereito fundamental recollido no artigo 33 da Constitución.
Ademais, demándase ao Estado que inicie os trámites para mellorar o marco normativo que regula o dereito de usurpación de inmobles, a través da modificación do Código Penal, a previsión de xuízos rápidos que axilicen os litixios derivados da ocupación ilegal de inmobles en menos de 48 horas, establecer a prohibición de que as persoas que ocupen ilegalmente un inmoble podan empadroarse no mesmo ou facilitar o desaloxo de inmobles en menos de 12 horas desde que se teña denunciada a okupación ilegal dunha vivenda.
A viceportavoz popular, Paula Prado, lamentou que “cada vez son máis o número de cidadáns que son vítimas dun delito de usurpación de vivendas, por unha banda, os que sofren as persoas que se ven privadas ilegalmente do goce da súa propiedade privada e, por outra, as persoas que residen nos inmobles onde se producen ocupacións ilegais de vivendas, e mesmo en rúas e barrios enteiros, que se converten en focos de delincuencia producindo un forte quebranto da convivencia veciñal”.
Neste sentido, enmarcou esta proposición en tres ámbitos: na protección absoluta do dereito fundamental e constitucional á propiedade privada; na problemática que xera a okupación ilegal, ademáis de ao lexítimo propietario, aos veciños e veciñas dun edificio ou dun barrio no que hai vivendas okupadas, xerando conflitos de convivencia e inseguridade nas persoas e nas cousas; e na existencia de recursos sociais aos que poden acceder as persoas vulnerables que garante o acceso a unha vivenda a persoas en risco de exclusión social.
Na súa intervención, Paula Prado referiuse á Memoria da Fiscalía de 2019, recentemente debatida no Parlamento galego, na que se recolle que durante o pasado ano se rexistraron 400 novos casos de allanamentos de morada e usurpación de bens inmobles, o que representa un 38 por cento máis que en 2018. Esta situación, segundo indicou o propio fiscal, ten xerado “unha sensación de impunidade que é necesario atallar dende o punto de vista legal”, trasladando ao Parlamento o compromiso do Ministerio Público en Galicia de proceder “con determinación” ante este tipo de casos.
“Desde o Grupo Popular pedimos firmeza, contundencia e urxencia nos procedementos contra a okupación e que os lexítimos propietarios recuperen a súa vivenda o antes posible”, manifestou a viceportavoz popular, para o que considera necesario dotar ao sistema de ferramentas normativas que melloren a actuación contra a okupación.