Santiago, 4 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a modificación da Lei de Cadea Alimentaria co obxectivo de protexer ao sector alimentario, tal e como está a solicitar o propio sector.
O portavoz do Medio Rural, Moisés Blanco, lembrou que a Directiva 2005/29/CE do Parlamento Europeo e do Consello de Europa declarou incompatible a regulación española relativa a venda a perdas, o que motivo a modificación da lexislación vixente a través do Real Decreto-Lei 20/2018 de medidas urxentes para o impulso da actividade económica do sector da industria e do comercio.
LOITA CONTRA PRODUTOS RECLAMO
“Esta nova normativa regula a prohibición da venda a perdas na lexislación española no caso de determinadas prácticas, pero desde o Grupo Popular entendemos que se da maior liberdade para decidir o prezo de venda”, sinalou.
Moisés Blanco afirmou que esta situación “preocupa ao sector produtor galego, xa que imposibilita que se continúe a loitar contra o uso de determinados produtos alimentarios como reclamo nas cadeas de supermercados, como acontece co leite e que as reiteradas denuncias de cooperativas e organizacións agrarias suscitaron unha boa parte das inspeccións levadas a cabo pola Administración galega”.
Na súa intervención, o portavoz popular subliñou que esta nova normativa “xera aínda máis complexidade, subxectividade e arbitrariedade, volvéndose inútil na práctica para protexer ao sector produtor”. “É unha reforma insuficiente que foi contestada por todo o sector advertindo da dificultade para aplicala”, concretou.
ESCOITAR AO SECTOR E NOVAS SOLUCIÓNS
Deste xeito, Blanco demandou “que se escoite ao sector e se estuden novas solucións”, poñendo de manifesto “unha mensaxe clara de defensa dos produtores e da calidade do seu traballo, pedindo formalmente, tanto á Xunta como ao Ministerio, que poñan todos os medios legais o seu alcance para mellorar a normativa reguladora e aumentar os controis e as inspeccións, ao fin de evitar que se utilicen determinados produtos, como sucede co leite, como unha acción publicitaria de reclamo, baixando inaceptablemente o seu prezo de mercado”.
Moisés Blanco lembrou que esta solicitude súmase á proposición non de lei recentemente aprobada no Parlamento galego a través da que se solicita ao Ministerio de Agricultura o aumento dos controis sobre a venda fraudulenta de produtos agroalimentarios con referencias xeográficas non acreditadas por algún selo de calidade diferencial, ao tempo que impulse os mecanismos adecuados de control para a protección e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos con selos de calidade diferenciada.