Santiago, 16 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a completar nesta lexislatura a extensión a toda Galicia do programa de cribado do cancro de cérvix xa iniciado como programa piloto na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
“Os programas de detección precoz de enfermidades diminúen as taxas de incidencia e mortalidade en todos os grupos de idade, ao tempo que se incrementan as posibilidades de éxito no tratamento, aumentando así a supervivencia”, manifestou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.
Na súa intervención, Amigo salientou que “Galicia é a única comunidade autónoma na que se realiza un seguimento completo das lesións suxestivas de malignidade, establecendo un seguimento adecuado a cada persoa segundo o establecido nas guías europeas de calidade e, ademais, xestiónase integramente este seguimento”. “O Goberno galego é consciente da importancia que ten a detección precoz da enfermidade, e máis concretamente no caso do cancro de colo de útero, que é unha das principais causas de cancro entre as mulleres, pero tamén unha das neoplasias malignas que se poden controlar máis eficazmente”, apuntou.
DETECCIÓN EN FASES PREMALIGNAS
No caso de Galicia, entre os anos 1996 e 2013 rexistráronse unha media de 49 falecementos por ano, o que supuxo unha taxa de mortalidade aproximada de catro mortes por cada 100.000 mulleres, cunha idade media próxima aos 60 anos. Encarna Amigo insistiu que, “se ben os datos de incidencia e mortalidade son relevantes, tamén é certo que neste tipo de cancro a implantación de medidas de detección precoz dan resultados moi satisfactorios, debido a que é un proceso cunha preclínica prolongada, polo que se pode identificar o cancro de cérvix en fases premalignas e aplicar un tratamento que é efectivo e sinxelo”.
Ao longo da pasada lexislatura, o Goberno galego elaborou durante a pasada lexislatura o Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix, dirixido a mulleres entre os 49 e os 65 anos, poñendo en marcha un proxecto piloto na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
“No programa electoral co que o PPdeG se presentou ás últimas eleccións autonómicas incluíase o compromiso da extensión deste programa de cribado á totalidade do territorio galego, polo que consideramos oportuno que desde o Parlamento galego demandemos a posta en marcha deste iniciativa que ten un impacto moi positivo para a saúde cidadá, neste caso directamente na saúde da muller”, rematou.