Santiago, 8 de marzo de 2022.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha moción a través da que se insta á Xunta a elaborar un programa de medidas, orzamentado con fondos propios, coa finalidade de dar unha resposta efectiva ao uso problemático da internet e das redes sociais por menores adolescentes.
En concreto, este programa deberá ter un carácter integral e transversal, incluíndo accións, no ámbito das competencias autonómicas, en ámbitos como o educativo, o sanitario ou o social, entre outros. Ademais, deberá ser comunitario e consensuado, incorporando as achegas que poidan realizar diferentes institucións, expertos na materia e axentes sociais.
NOVA LEI DE PREVENCIÓN DE ADICIÓNS
Segundo se recolle na moción, este programa de medidas permitirá actualizar a carteira de servizos en materia de prevención de adicións, no marco do proceso de elaboración dunha nova Lei de prevención de adicións en persoas menores de idade en Galicia, incorporando intervencións específicas sobre o uso axeitado de dispositivos e tecnoloxías dixitais.
Así mesmo, dará máxima prioridade á prevención como mellor ferramenta para conseguir que os adolescentes fagan un uso responsable das novas tecnoloxías, aproveitando as súas potencialidades e evitando os riscos asociados ao seu uso.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou que “partimos da base de que o uso de tecnoloxías non é prexudicial en si mesmo, senón que o que xera problemas é que se lle dedique un tempo elevado a estas actividades e que se deixen de lado outras que son necesarias para o axeitado desenvolvemento físico e mental na infancia e adolescencia”.
Neste sentido, afirmou que “nesta problemática é clave o papel da educación familiar”, polo que considerou “un erro responsabilizar a unha administración pública dun uso abusivo de internet por parte dos menores, ou si se prefire, a administración nunca vai poder suplir o labor educativo e o control parental que teñen que facer os proxenitores”.
Paula Prado avogou por unha “abordaxe integral e transversal” deste problema, e salientou que “a Xunta xa está actuando e poñendo en marcha medidas para previr e dar resposta ás situacións de uso problemático da internet e das novas tecnoloxías, pero consideramos importante seguir avanzando e implementando medidas útiles e eficaces”.