Santiago, 17 de outubro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central a eliminación inmediata da peaxe de Redondela na AP-9, dando cumprimento ao acordo unánime tomado polo pleno deste Parlamento e ao compromiso asumido polo Goberno de Mariano Rajoy, así como a execución das obras compensatorias acordadas entre o Ministerio de Fomento e o Concello de Redondela.
O deputado popular Alberto Pazos criticou “a discriminación, traizón e burla que distintos gobernos socialistas infrinxiron aos veciños de Redondela respecto da peaxe da AP-9”.
TRES AGRAVIOS SOCIALISTAS
En concreto, Pazos lembrou que “o primeiro agravio cos veciños de Redondela data da época do Goberno bipartito da Xunta, que decidiu liberar a peaxe entre Vigo e O Morrazo para todos os usuarios, salvo aqueles que vivan ou visiten a comarca de Redondela”. “Impuxeron un lastre que afectou á competitividade do comercio, a industria, o turismo e ao desenvolvemento da comarca”, sinalou o deputado popular. Ademais, explicou que “a metade desta liberación pagábase con cargo ao orzamento da Xunta, unha inxustiza que solucionou o Goberno de Feijóo e que supuxo un aforro para a Administración galega de 400 millóns de euros”.
Alberto Pazos sinalou que un segundo agravio foi a decisión do Goberno socialista de Zapatero de ampliar a Ponte de Rande e a AP-9 ao seu paso por Chapela “sen contemplar nin unha soa medida compensatoria”. “Foi unha decisión adoptada 48 horas antes dunhas eleccións xerais, ocultando ata despois das votacións unha suba do 1 por cento anual da peaxe da autoestrada durante 20 anos e o pago dun 8 por cento de interese anual”, lembrou.
“Os Gobernos do PP na Xunta e en Redondela conseguiron reverter esta situación, logo de negociar tanto coa empresa concesionaria como co Goberno de Rajoy, e acordou obras de compensación, como a construción dun novo colexio, a reposición de viarios, a instalación de pantallas antirruído ou a colocación de asfalto de baixo impacto sonoro; así como a eliminación da peaxe máis inxusta de España para o verán de 2018”, sinalou.
COMPROMISOS ASUMIDOS POR CALQUERA GOBERNO
Porén, o deputado popular sinalou que “hai 16 meses que chegou un novo Goberno socialista logo da moción de censura e das obras de compensación en Redondela non sabemos nada, nin tampouco da eliminación da peaxe”. Deste xeito, subliñou que “os compromisos dun Goberno central deben ser asumidos por calquera Goberno, tanto cando benefician a unha empresa, como é o caso do PSOE, como cando benefician aos veciños, como decidiu o Goberno do PP”.
“Mentres continúa esta burla, o ministro de Fomento realiza declaracións vinculando a eliminación da peaxe a unha nova ampliación dun carril, actuación demandada pola empresa concesionaria e que agora asume o Goberno socialista”, indicou. Neste sentido, Pazos dixo que “se trata doutro ataque directo a Chapela, Trasmañó e a toda Redondela, motivada polo impacto dunha hipotética conversión en tramo urbano Bos Aires-Vigo, que nin sequera está deseñada”.