Santiago, 25 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a inmediata posta en marcha da Tarxeta Social Universal, en coordinación coas comunidades autónomas e os concellos, a fin de que os cidadáns poidan beneficiarse á maior brevidade das vantaxes inherentes á mesma.
A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, lembrou que a Conferencia de Presidentes autonómicos celebrada en xaneiro de 2017 acordou o impulso desta Tarxeta Social Universal, así como a constitución dun grupo de traballo, no que participan representantes da Administración do Estado, as comunidades autónomas e dos concellos, para o seu deseño e posta en marcha.
BENEFICIOS
En concreto, Marta Rodríguez explicou que esta Tarxeta Social Universal acreditará o acceso ao sistema público de servizos sociais, recollerá información sobre as prestacións sociais nos distintos niveis de actuación, simplificará os trámites administrativos, mellorará os tempos de resposta e incrementará a coordinación entre as distintas administracións públicas.
No caso de Galicia, a viceportavoz popular recordou que a Xunta puxo en marcha en xuño de 2016 a historia social única electrónica para axilizar a tramitación das prestacións, “unha ferramenta que permite aos profesionais do sistema galego de servizos sociais, con independencia de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico”.
Na actualidade, a historia social única xa está implantada en máis de 220 concellos galegos, coa previsión de chegar a finalizar este ano 2018 á totalidade dos municipios de Galicia.