Santiago, 3 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través se solicita ao Goberno central que restableza todos os servizos de tren que foron suprimidos amparándose na pandemia provocada pola COVID-19, tanto no que ten que ver nas conexións interiores na Comunidade galega como coas conexións de Galicia con outras comunidades autónomas.
No caso concreto de Ourense, pídese que se recuperen con carácter urxente as frecuencias do Avant Ourense-A Coruña con saída ás 6:45 horas e o ALVIA (con dous vagóns con código compartido AVANT) que saía ás 15:12 horas de Santiago de Compostela e chegaba a Ourense ás 15:48 horas, o obxecto de facilitar a mobilidade da cidadanía, a actividade económica e salvagardar o dereito á conciliación da vida laboral e familiar.
A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez considerou que a Covid-19 “non pode ser utilizada como escusa polo Goberno central para eliminar servizos ferroviarios en Galicia e privar aos galegos dun servizo público esencial”. Neste sentido, lembrou que tanto desde o Goberno galego como desde o PPdeG “vimos reclamando con insistencia a necesidade de que a oferta dos servizos ferroviarios en Galicia dea resposta ás necesidades dos galegos e garanta o dereito á mobilidade, tanto no que atinxe ás conexións interiores como as conexións de Galicia con outras comunidades e mesmo con Portugal”.
SERVIZOS DE CALIDADE E ADAPTADOS ÁS NECESIDADES
“Resulta obvio que se se pretenden recuperar viaxeiros e se están a buscar novas formas de mobilidade menos contaminantes, hai que ofrecer servizos de calidade e adaptados ás necesidades dos usuarios, máxime nun territorio como Galicia cunha situación periférica e cunha enorme dispersión xeográfica”, apuntou.
Porén, Noelia Pérez contrapuxo a actuación da Xunta respecto do Goberno central. Así, lembrou que o Goberno galego “restableceu o 10 de maio, ao día seguinte de erguerse o Estado de Alarma, o 100 por cento dos autobuses interurbanos da súa competencia, e durante a pandemia mantivo moitos autobuses en circulación a pesar dos baixos niveis de ocupación”. “Antepúxose o mantemento dos servizos públicos á rendibilidade económica das empresas”, asegurou.