O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno central accións inmediatas de mellora da N-541 entre Punxín e Pontevedra para reducir a alta sinistralidade nesta vía de comunicación, adaptando esta estrada ás necesidades de tráfico que garantan a seguridade de vehículos e dos habitantes dos núcleos de poboación polos que transcorre, así como se realice un estudio de viabilidade que contemple unha autovía ou vía de alta capacidade sen pasar por núcleos de poboación entre O Carballiño e Pontevedra.
O deputado popular Argimiro Marnotes explicou que a N-541 conecta Punxín con Pontevedra, pero é tamén un 75 por cento do percorrido natural entre as cidades de Ourense e Pontevedra. “Esta estrada nacional é unha das principais preocupacións en materia de seguridade viaria en Galicia, que cubre as necesidades dunhas 218.000 persoas, cun tráfico intenso de turismos particulares e transporte industrial, sendo escenario habitual de accidentes graves, algúns de les con resultados fatais”.
PROBLEMÁTICA RECORRENTE
En concreto, Marnotes lembrou o accidente do autobús ocorrido o 24 de decembro de 2022 que causou a morte de sete persoas, pero tamén doutros sinistros máis recentes acontecidos ao longo dos anos 2023 e 2024. “Non estamos a falar de accidentes illados, senón dunha problemática recorrente que afecta a todos os concellos polos que transcorre a N-541”, indicou o portavoz popular, quen salientou que “agora é co Pacto do Pedre desde onde se fai toda a forza social como representación da súa veciñanza para reclamar unha solución estrutural e integral de toda a N-541, facendo entre as súas alcaldías un xestión de unión que lles honra”.
“A N-541 ten que estar adaptada á circulación que se require por uso e costume, e non pode deixar de ser unha posibilidade de crecemento de todos os concellos polos que transita”, manifestou o deputado popular.
DECEPCIONANTE RESPOSTA DO GOBERNO CENTRAL
Argimiro Marnotes considerou “decepcionante” a resposta do Goberno central no Senado á pregunta formulada polo Partido Popular respecto do estado da N-541, ao afirmar que “xa teñen, ao igual que noutras estradas nacionais, contratos de mantemento e que actuarán en función das prioridades e disposición económica, desbotando calquera mellora estrutural e tamén a elaboración dun estudo sobre a posible construción dunha autovía ou vía de alta capacidade alternativa, instando aos usuarios a empregar alternativas como a AP-9, a A-52 ou a AG-53”.
“Esta resposta é absolutamente insuficiente e demostra unha falta de empatía e comprensión das necesidades reais do territorio e das relacións sociais e comerciais entre as distintas poboacións afectadas”, rematou.