Santiago, 6 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar impulsando a celebración dos procesos selectivos centralizados de membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.
Neste sentido, o deputado popular Alberto Pazos saudou que o Concello de Vigo, a única cidade galega que aínda non estaba adherida a este proceso unitario, aprobara o pasado 30 de marzo a delegación da selección do novo persoal e da promoción interna do seu corpo de Policía Local, “que esperamos poña fin ao escándalo que leva acompañando á selección de policías locais nos últimos anos do Goberno de Gonzalo Caballero”.
Alberto Pazos lembrou que, desde o ano 2017, os concellos teñen a posibilidade de delegar os procesos de selección das policías locais na Xunta de Galicia, o que supuxo “vantaxes evidentes que fixeron que 89 dos 129 concellos que conta con este corpo policial decidiran adherirse ás convocatorias unificadas desenvolvidas pola Academia Galega de Seguridade Pública”.
Neste sentido, subliñou “o excelente traballo desenvolvido pola Agasp durante a pandemia da Covid-19”, que se traduciu en que “a Xunta foi capaz de atender a totalidade das demandas de axentes de policía local comunicadas polos concellos adheridos, no momento en que máis necesario era o labor dos axentes municipais”.
ADHESIÓN DO CONCELLO DE VIGO
O deputado popular destacou, para rematar, o feito de que o Concello de Vigo aprobara o pasado 30 de marzo a delegación na Xunta da selección do novo persoal e da promoción interna do seu corpo de policía local, “logo das irregularidades de anteriores convocatorias feitas a nivel municipal que chegaron a ser cualificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de despropósito, desatino e disparate”.
Porén, lamentou que a estas actuacións irregulares no Concello de Vigo sumouse a anulación xudicial do ascenso a oficial dun policía local, a fraude na oposición de bombeiros ou a condena polo nomeamento a dedo de xefes de servizo municipais.