23 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir poñendo en valor as medidas de apoio ao pobo ucraíno, como por exemplo o acordo de colaboración presentado o pasado mes de xullo coa asociación AGA – Ucraína.
O deputado popular Adrián Pardo lembrou que mañá cumprirase un ano desde que Rusia comezase a invasión de Ucraína, un conflito que provocou que “máis de 8 millóns de ucraínos se viran obrigados a saír do país, dos que cerca de 5 millóns atoparon refuxio na Unión Europea e, en concreto, en Galicia temos acollidas a 2.400 persoas procedentes dese país”.
“A invasión de Ucraína significa moito máis que unha violación da orde internacional á que hai que facer fronte, así como un ataque aos valores da liberdade, progreso e paz sobre os que se asentan as democracias europeas e occidentais”, apuntou.
DESABASTECEMENTO DA SOCIEDADE CIVIL
Adrián Pardo subliñou que “a sociedade civil ucraína é a principal vítima do desabastecemento provocado pola invasión rusa” e, neste sentido, destacou o traballo realizado pola asociación AGA-Ucraína, “que naceu entre A Coruña e Oleiros da man de residentes ucraínos que residen en Galicia e de voluntarios galegos, e que ata o de agora xa axudou co envío de 28 tráileres cun total de 500 toneladas de produtos”. Actualmente estanse a centrar no envío de xeradores eléctricos, equipos médicos e de maquinaria para a fabricación de próteses para os feridos na guerra.
“Estamos ante un exemplo de acordo de colaboración entre a Xunta e AGA-Ucraína, ao que se suman outras actuacións desenvolvidas desde o comezo do conflito bélico, como son a activación dos convenios para a actuación de emerxencia con Farmacéuticos Mundi ou UNICEF”, concretou o deputado popular.
Para rematar, Adrián Pardo amosou o “recoñecemento e admiración pola heroica resistencia do pobo ucraíno, que se converteu sen querelo no primeiro e máis importante defensor das nosas liberdades e dereitos máis fundamentais, empezando polo dereito a vivir en paz e en liberdade”. “Non podemos deixalos sos, e iso implica a acción decidida dos gobernos europeos e das democracias liberais no envío de armamento a Ucraína para que se poidan defender fronte á agresión rusa”, concluíu.