4 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se acorda trasladar a todas as forzas políticas galegas con representación no Parlamento Europeo o desacordo ante a oficialización de Bruxelas de vetar a pesca de arrastre nun terzo das augas dos Estados membros no 2024 e en todas as áreas mariñas protexidas da Unión Europea en 2030, por actuar sistematicamente en contra dos intereses do sector pesqueiro.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, explicou que a veda vixente nas 87 áreas do Atlántico nororiental “socava dous elementos fundamentais: as especie estrela nas lonxas galegas en valor de descarga, a pescada; e o tamaño da frota, ao reducir a súa viabilidade”.
En concreto, dixo que no período de 100 días que vai desde o día 9 de outubro, cando entrou en vigor o veto, ata o 16 de xaneiro, a caída en volume de peixe resulta clarificadora: o descenso acada o 19 por cento para o conxunto das especies que captura o palangre de fondo e un 22 por cento no caso da pescada.
O GOBERNO DE SÁNCHEZ NON REACCIONA
Diante desta situación, Teresa Egerique lamentou que, “desde que a Comisión Europea presentara o pasado 21 de febreiro a súa folla de ruta para eliminar gradualmente a pesca de arrastre de todas as zonas marítimas protexidas da Unión Europea, o Goberno de España non reacciona”.
“Esa desidia do Goberno de Pedro Sánchez contrasta coa oposición frontal de Francia, que xa manifestou a súa oposición frontal a un plan que suporía a morte da pesca francesa, comprometéndose a protexer a industria pesqueira no nome da soberanía alimentaria francesa”, afirmou.
Así mesmo, Egerique criticou que o Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea no Parlamento Europeo, ao que pertence o BNG, “tamén amosou a súa posición favorable á pretensión da Comisión Europea de prohibir o arrastre no 30 por cento das augas da Unión Europea que é lesiva para os intereses de Galicia”. “Demonizan a pesca de arrastre de fondo e afirman que as enormes redes levan consigo grandes cantidades de peixes e tamén matan focas, golfiños, cabaliños de mar e outros animais, destruíndo a biodiversidade mariña e poñendo en perigo os fondos mariños como reservorio de CO2”, apuntou.