Santiago, 22 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, por iniciativa do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta de Galicia a que consolide as casas niño como ferramenta idónea para lograr que, de aquí a 2020, todos os concellos de Galicia dispoñan de recursos de conciliación.
A deputada popular Raquel Arias explicou que as casas-niño é unha das medidas incluídas no Programa de Apoio á Natalidade (PAN) da Xunta de Galicia, que se puxo en práctica o pasado ano e que permitirá, nesta primeira edición, o desenvolvemento dunha trintena destas iniciativas, noutros tantos concellos galegos, todos eles de menos de 5.000 habitantes e que non dispoñían de ningún recurso de atención continuada á infancia. Suporá, por tanto, a creación de 150 prazas para cativos de 0 a 3 anos.
“As casas niño, xunto con outras medidas adoptadas polo Goberno galego, ademais de converter a Galicia nun referente no eido da conciliación a nivel estatal, impregnou ós servizos sociais dunha nova concepción, ao colocar en primeiro termo as necesidades dos usuarios”, dixo Arias Rodríguez. Neste sentido, indicou que “é unha nova forma de entender a oferta de servizos”, ó tempo que asegurou que cumpriu todos os obxectivos para os que foi concibida, razón pola que “é axeitado” seguir afondado na súa aplicación.
OBXECTIVOS
Entre estes obxectivos, Arias mencionou a creación de recursos de conciliación para as familias; o feito de ser unha oportunidade para atraer poboación nova ao rural galego; de fomentar o reequilibrio territorial; ou o impulso e apoio ás fórmulas de autoemprego e de economía social que resultan eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación no territorio”.
En opinión de Raquel Arias, se queremos “reconducir ou corrixir a pirámide poboacional invertida na que se atopa Galicia, hai que aplicar, como está a facer o Goberno galego, un tratamento multidisciplinar e trasversal, e as casas niño, un servicio case á carta, é un elemento eficaz máis encamiñado a acadar este obxectivo”.
“Non hai dúbida que para fixar poboación moza no medio rural, ademáis de contar cun medio de vida axeitado, débese poder dispoñer de servizos adicionais semellantes aos que atoparían nunha urbe”, indicou.