Santiago, 27 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención de todos os grupos da oposición, a través da que se demanda á Xunta que realice un estudo xurídico, en colaboración coas universidades galegas, que analice a posibilidade e mecanismos que, respectando a legalidade vixente, permitan incorporar ao patrimonio público a propiedade das Torres de Meirás, sen que isto implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou que o obxectivo principal é a “recuperación para o patrimonio público do Pazo de Meirás a través dunha documentación xurídica que probe e determine como levar adiante este proceso”. Por este motivo, “avogamos por que este informe sexa elaborado por unha comisión de expertos o máis plural e técnica posible, que estableza xuridicamente os pasos a seguir, incluíndo a posible modificación das leis cumprindo sempre coa lexislación vixente”.
INTRANSIXENCIA SOCIALISTA
Puy lamentou que “a intransixencia dos socialistas privara da aprobación por unanimidade dun acordo para a creación desta comisión de expertos que estude as posibilidades de incorporar o Pazo de Meirás ao patrimonio público”. En primeiro lugar, o portavoz popular chegou a propoñer a retirada da súa proposición de lei para votar unicamente a proposición socialista e, unha vez que os socialistas incorporaron as emendas de En Marea e BNG á súa proposición de lei, tamén se negaron a que se votara por puntos esta iniciativa.
Deste xeito, finalmente aprobouse a proposición non de lei do Grupo Popular, sen ningún voto en contra por parte da oposición. “Da división amosada hoxe no Parlamento, auspiciada polo Grupo Socialista, os únicos que poden sacar proveito son os propietarios do Pazo de Meirás”, indicou Pedro Puy.