Santiago, 24 de xuño de 2019.- O Pleno do Parlamento de Galicia debaterá mañá para a súa aprobación o proxecto de lei de ordenación farmacéutica de Galicia, así como a totalidade do proxecto de lei de patrimonio natural. A sesión inclúe, ademais, a toma de posesión da nova deputada do Grupo Popular, Jackeline Fernández Macías, e, previamente nun Pleno específico, designarase aos senadores en representación da Comunidade galega.
O portavoz popular, Pedro Puy, iniciou a súa comparecencia ante os medios de comunicación trasladando de novo o “fondo pesar” polo pasamento do deputado socialista Raul Fernández. “Queremos trasladar á súa familia, amigos e aos socialistas en xeral, o noso pésame, que compartimos despois de que no Grupo Popular pasáramos por unha situación semellante hai uns meses”.
EXPERIENCIA PROFESIONAL E POLÍTICA CONTRASTADA
Respecto da sesión plenaria específica para a elección de senadores en representación da Comunidade galega, Puy lembrou que os candidatos do Grupo Popular son Elena Muñoz Fonteriz e Jesús Vázquez Abad. Neste sentido, Puy destacou a decisión “pacífica” adoptada polo PPdeG para propoñer estas dúas persoas “con experiencia profesional e política contrastada”.
Dentro do Pleno ordinario, o portavoz popular destacou o debate para a aprobación do proxecto de lei de ordenación farmacéutica, que chega á sesión plenaria con 56 dos 80 artigos cunha redacción coa que está conforme un ou varios grupos da oposición. Neste sentido, lembrar que o Grupo Popular aceptou ou transaccionou no debate en ponencia e comisión o 40 por cento das propostas socialistas.
Así mesmo, na sesión plenaria tamén está previsto o debate de totalidade do proxecto de lei de patrimonio natural de Galicia, “que unha ampla maioría do Parlamento ve oportuna xa que só se presentou unha emenda á totalidade”.
PARQUES PÚBLICOS DE VIVENDA E CONVIVENCIA VECIÑAL
Pedro Puy tamén recordou que o Grupo Popular defenderá no Pleno dúas proposicións non de lei. Unha primeira, solicita que a Xunta, en colaboración coa Fegamp, fomente a constitución de parques públicos de vivenda en alugueiro social nos concellos de menos de 20.000 habitantes, co emprego simultáneo das liñas de axuda de que dispón o Goberno galego para a rehabilitación de vivendas de titularidade municipal.
A segunda proposición non de lei ten como obxectivo que o Parlamento galego amose o seu firme apoio á proposición de lei orgánica rexistrada polo Grupo Popular no Congreso contra a ocupación ilegal e para a convivencia veciñal e a protección da seguridade das persoas e cousas nas comunidades de propietarios.
Respecto da constitución do Grupo Mixto no Parlamento galego, Puy considerou que “non é unha boa noticia esta escisión no principal grupo da oposición” e apuntou que “lamentamos que o espazo rupturista teña feito honor ao seu nome”. Neste sentido, lembrou que “xa coñecemos da pasada lexislatura os problemas que se xeran e a distorsión que supón para os tempos, espazos físicos e o número de iniciativas que se poden presentar”, pero avanzou que desde o Grupo Popular “imos facer o que digan os servizos xurídicos en relación con estas cuestións para permitir á oposición seguir facendo o seu traballo e non prexudicar o traballo da Cámara como consecuencia da escisión.