Santiago, 5 de abril de 2018.- O deputado do Grupo Popular, Moisés Rodríguez, asegurou hoxe no Parlamento que o proxecto final do tramo Goián-PO-350 da vía de alta capacidade Tui-A Guarda “será o que presente unha maior viabilidade económica, unha mellor vertebración do territorio e, fundamentalmente, cause un menor impacto ambiental”.
Moisés Rodríguez incidiu no “compromiso do Goberno galego para rematar esta importante infraestrutura viaria que vertebrará o Baixo Miño”. Neste sentido, explicou que a decisión final da Xunta sobre este tramo “implica reducir a afección e o impacto na ribeira do río Miño, diminuír o impacto sobre as vivendas e facer máis viable a execución da infraestrutura, mantendo a calidade e seguridade viaria”.
RESOLUCIÓN DEFINITIVA
A Axencia Galega de Infraestruturas publicou o pasado 20 de outubro a licitación do contrato para a redacción do proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental deste tramo da VAC Tui-A Guarda, contrato que xa se formalizou e neste momento se están a comezar os traballo de execución do mesmo.
“Será no proceso de avaliación de impacto ambiental e na aprobación do novo proxecto de trazado cando se poida resolver definitivamente a proposta máis favorable, nun procedemento no que se dean todas as garantías de transparencia e participación pública”, apuntou.