Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a iniciar antes do mes de xullo de 2018 a licitación das obras do Plan de modernización dos regadios da comarca da Limia.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado explicou que “a día de hoxe estanse tramitando as declaracións de impacto ambiental das comunidades do Corno do Monte, Alta Limia, Ganade-Lamas e Sabucedo, nos concellos de Xinzo, Porqueira e Trasmirás, así como a elaboración dun novo proxecto patrimonial adaptado á normativa vixente”. En concreto, a Xunta ten consignado nos orzamentos para 2017 unha partida superior aos 1,5 millóns de euros para levar a cabo todas as actuacións técnicas previas para a axeitada execución destas estruturas de rega.
PUNTO DE ENCONTRO
“Estes son os trámites necesarios para a execución da modernización dos plans de regadío, como paso previo á exposición pública da documentación ambiental e licitación das obras”, apuntou.
Carlos Gómez salientou que a Consellería do Medio Rural “non deixou de traballar para poñer en marcha o Plan de Regadío” e a modo de exemplo referiuse á creación en 2016 do Comité de Seguimento dos regadíos para controlar en primeira instancia as distintas actuacións a levar a cabo.
O deputado engadiu que este Comité de Seguimento “é un punto de encontro e vía para chegar a acordos entre todos os interesados, como son os concellos de Xinzo de Limia, Porqueira e Trasmiras; as comunidades de regantes; a Asociación de Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal); e a Consellería do Medio Rural”.