Santiago, 3 de xuño de 2021.- O portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Alberto Pazos, asegurou hoxe no Parlamento galego que a Casa da Quintán en Pontecaldelas “xa ten todo listo para que se licite a súa posta en marcha como centro de menores, que será pioneiro en España polo seu carácter especializado”.
Neste sentido, explicou que “a estrutura deste edificio non fai posible a construción dun centro de atención a persoas maiores, xa que non conta coa amplitude e a configuración para dar resposta ás necesidades especiais de accesibilidade das persoas dependentes”.
Pazos Couñago destacou que “a súa disposición de casa familiar ofrece un ambiente cálido e acolledor aos menores e dispón tamén dunha ampla zona exterior para realizar actividades ao aire libre”. Ademais, afirmou que este é un servizo necesario na provincia de Pontevedra, onde as prazas para esta finalidade se atopan completas.
AGRADEDEMENTO Á FUNDACIÓN SÁLVORA
Por outro lado, o portavoz popular remarcou “a imposibilidade de convertelo nun centro interxeracional, xa que non dispón dos espazos necesarios, nin das entradas independentes que precisan este tipo de centros, ademais de que ningún combina atención a menores tutelados con atención a maiores”. “O acollemento residencial de menores precisa de ambientes tranquilos, de convivencia e estabilidade, que faga compatible a escolarización de todos os nenos e nenas coa realización de actividades extraescolares e convivencia entre iguais”, concretou.
Alberto Pazos agradeceu ao Padroado da Fundación Sálvora “o acordo unánime, adoptado no mes de xuño de 2020, para modificar e ampliar o uso da propiedade para que a Casa da Quintán poida ser utilizado á prestación de servizos sociais”. Neste sentido, afirmou que este edificio “dedicarase aos fins previstos e anunciados pola Consellería de Política Social, atendendo ás necesidades reais e aos prantexamentos da Fundación Sálvora”.
Para rematar, o portavoz popular criticou que o PSdeG “omita no seu relato as actuacións do alcalde de Pontecaldelas que motivaron un importante retraso nesta actuación derivado da ocupación e uso ilegal destas instalacións, ademais de causar importantes danos materiais que deberon ser reparados pola Xunta”.