Santiago, 7 de setembro de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Parlamento galego que a substitución dos transformadores da subestación eléctrica de Padrón facilitarán un incremento da potencia e unha mellor calidade de subministro de electricidade aos veciños desta vila.
Así mesmo, Marta Nóvoa afirmou que “a nova tecnoloxía que empregan estes transformadores suporá unha redución considerable do ruído que producen no seu funcionamento e as molestias que causan na actualidade os transformadores vellos”.
Nóvoa considerou “inviable” a proposta do BNG de trasladar a subestación eléctrica “polo custe elevadísimo que isto suporía e porque habería que modificar todas as liñas eléctricas que van ata esta subestación”. Neste sentido, criticou que os nacionalistas galegos pidan que a Xunta e o Concello “cometan unha ilegalidade e prevariquen negando a licencia para o cambio dos transformadores, unha obra suxeita á normativa estatal que hai que respectar”.