Santiago, 14 de decembro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou esta tarde “a hipocresía do Partido Socialista, que minusvalorou hai dúas semanas o anuncio feito pola Xunta de reducir á metade as peaxes nas autoestradas da súa titularidade entre as 0 e as 6 da mañá e hoxe mesmo o Goberno socialista aproba eliminar a peaxe neste mesmo tramo horario nas autoestradas que foron rescatadas”.
“Trátase dun novo agravio aos galegos, logo de que o mesmo día que se anunciaba a suba da peaxe na AP-9 nun 3,47 por cento se rebaixaba a peaxe nestas autoestradas rescatadas un 30 por cento”, indicou.
Martín Fernández salientou “a importancia de adoptar este tipo de rebaixas nas peaxes de cara a conseguir unha maior seguridade viaria e mellorar a competitividade de todo o sector do transporte, aforrando custos e tempo”. “Por este motivo, non entendemos no seu momento a reacción dos socialistas galegos, acompañados de En Marea e o BNG, cando desprezaron a rebaixa da peaxe anunciada pola Xunta de Galicia para as autoestradas A Coruña-Carballo e Puxeiros-Baiona, tendo presente ademais que xa son das máis baratas de España”, sinalou.
“O que pedimos é que, nesta voráxine que entrou o Goberno socialista de Pedro Sánchez de abaratar as peaxes das autoestradas nacionais rescatadas, tamén se acorde da AP-9 e dos seus usuarios, que estamos a pagar un 30 por cento máis do que o facemos cando circulamos por unha autoestrada de titularidade autonómica e que non gozamos de ningún tipo de rebaixa”, manifestou