Santiago, 25 de marzo de 2022.- O deputado do Grupo Popular Moisés Rodríguez Pérez criticou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “buscaran hoxe botar abaixo a proposición non de lei aprobada hai 14 días na Comisión 4ª a través da que se insta á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil á reposición do acueduto do Pontillón sobre o río Caselas, na parroquia de Caldelas no concello de Tui de interese patrimonial”.
“O único que queren nacionalistas e socialistas é enredar por enredar e buscar un argumento para dicir que o Partido Popular e a Xunta están en contra da reposición do Pontillón entre Tui e Salvaterra. Nada máis lonxe da realidade”, asegurou o deputado popular.
QUE O ARRANXE QUEN O DESTROZOU
Neste sentido, Moisés Rodríguez lembrou que tanto BNG como PSdeG “se abstiveron hai 14 días á iniciativa que foi aprobada do Grupo Popular, porque o único que queren é seguir mantendo a mentira de que primeiro é necesario catalogar e despois instar á Confederación Hidrográfica á restauración”.
“Non podemos consentir que sigan enganando aos veciños e o PPdeG o que quere é que quen destrozou o Pontillón, a Confederación Hidrográfica, que o arranxe”, concretou.
O deputado popular explicou que “que o Pontillón non estivese catalogado non significa que non estea protexido como ben integrante do patrimonio cultural de Galicia, polo que as actuacións neste ben debería ser obxecto de atención e cautela ante posibles afeccións, especialmente se o promotor da mesma é unha administración pública”.
Moisés Rodríguez incidiu que “nada impide, desde o punto de vista sectorial da protección do patrimonio cultural, que cos restos conservados se realice a reconstrución do Pontillón no lugar orixinal, para o que non é necesario o beneplácito da administración competente en Patrimonio Cultural porque este ben non está catalogado nin declarado BIC”.