Santiago, 20 de marzo de 2018.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou hoxe que “calquera cidadán de Galicia ten acceso ao rexistro de contratos do sector público autonómico”, pero lamentou que “ao que non teñen acceso os cidadáns é aos contratos menores dos gobernos municipais socialistas ou das Mareas”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a transparencia na contratación pública autonómica, Paula Prado referiuse ás diferentes medidas legais e actuacións realizadas polo Goberno do PPdeG para facilitar a transparencia nos seus contratos públicos, como a modificación da Lei de réxime financeiro, a activación da plataforma de contratos, a publicación das retribucións do persoal directivo dos entes públicos, a Lei de racionalización do sector público galego ou as leis de transparencia de 2013 e 2016.
En contraposición, a viceportavoz popular criticou, a modo de exemplo, que no Concello de Lugo se obrigue a asinar un documento de confidencialidade aos concelleiros para acceder ao libro de decretos; no Concello de Vilagarcía non se publican os contratos menores; e no Concello de Santiago “non hai colgado un só contrato menor de 2018 na web municipal”.