Santiago, 13 de marzo de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana dúas proposicións non de lei a través das que se solicita aos grupos parlamentarios do Congreso que faciliten a tramitación, debate e aprobación dos orzamentos do Estado para 2018; e se insta ao Goberno central para que permita aos concellos utilizar os remanentes de tesourería positivos para a devolución do imposto da plusvalía cobrada indebidamente.
O portavoz popular, Pedro Puy, lembrou que a sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación da modificación da Lei de saúde de Galicia, “que reforza os hospitais comarcais coa creación de distritos sanitarios, mellora asistencia sanitaria aos galegos e aforra desprazamentos aos pacientes”.
SERVIZO SANITARIO MÁIS RACIONAL
Puy incidiu que esta reforma facilitará un servizo sanitario “máis racional, onde os pacientes terán unha atención máis preto da súa casa a través dos hospitais comarcais, agora que van ser de distrito e se están ampliando”. Neste sentido, respecto das críticas da oposición a este proxecto, recordou que “os feitos desmenten os agoiros que xa escoitamos no pasado respecto da sanidade galega e que demostrou que eran demagoxia bastante barata”.
A sesión plenaria inclúe tamén a comparecencia da conselleira do Mar para informar da comercialización dos produtos do mar, un sector estratéxico para Galicia.
Respecto das proposicións non de lei, Pedro Puy explicou que o Grupo Popular defenderá que os grupos parlamentarios das Cortes Xerais contribúan a facilitar a tramitación, debate e aprobación en prazo dos orzamentos xerais do Estado para 2018.
“A situación política é complexa porque o Goberno central non ten o apoio maioritario que necesita do resto dos grupos políticos para a aprobación dos orzamentos”, unhas contas das que “moitas persoas dependen para a mellora das súas condicións de vida, como dependentes, funcionarios públicos ou vítimas de violencia machista”, indicou.
DEVOLUCIÓN AOS QUE PAGARON DE MÁIS
En segundo lugar, o Grupo Popular demandará ao Goberno central que permita aos concellos utilizar os remanentes de tesourería positivos para a devolución do imposto da plusvalía indebidamente cobrado, tal e como recoñeceu o propio Tribunal Constitucional nunha sentenza do pasado ano que anulou dous artigos porque someten a tributación situacións de inexistencia de incrementos de valor.
Puy manifestou que o Grupo Popular no Congreso dos Deputados xa ten presentado unha proposición de lei para regular esta cuestión e considerou “incongruente que non se establezan mecanismos de devolución aos contribuíntes que pagaron de máis”.
“Moitos concellos teñen superávit, en parte por recursos ingresados a través de impostos que non gastaron, pero tamén parte deses ingresos proceden de impostos que non se terían que ter pagado”, sinalou Pedro Puy, quen dixo que “os concellos deben ser sensibles e devolver o que cobraron de máis”.
Por último, no apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre as conclusións e os resultados acadados no encontro trilateral en materia educativa celebrado o pasado 18 de xaneiro en León, coa presenza de responsables das comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León; e sobre a implantación e funcionamento das casas-niño como recurso de conciliación nos núcleos rurais.