Tras explicar as iniciativas desenvolvidas polo PPdeG para achegarse á rúa e ao tecido social para transformar as súas inquedanzas en propostas de goberno, Tellado contrastou esta actividade coa de outros partidos que “prefiren dedicar este tempo a debater internamente se este señor ten que ser senador, se este outro ten que ir nas listas ou quedar fora ou se teñen que confluír ou non teñen que confluír”.
Fronte a un partido que xa ten a un candidato e a un equipo redactor configurando un programa de goberno “estable, sólido e solvente”, o número dous do PPdeG só ve enfronte “un lío que pouco ou nada pode ofrecer a Galicia” formado por “organizacións sen candidato e candidatos sen organización”.
Este “gran lío” que será o rival do PPdeG nas eleccións de outono está composto, explicou Tellado por “os restos do Bloque Nacionalista Galego”, “Mareas ou como queiran que se chamen” e un PSdeG nunha “situación de deterioro continuado”.
O secretario xeral dos populares galegos pronosticou que este partido protagonizará no Pleno de mañá, a conta da designación de senadores autonómicos, “un novo espectáculo que demostra que elixiron candidato a que non é capaz de liderar ao seu propio partido”.