O viceportavoz 3º Roberto Rodríguez e o portavoz de Medio Ambiente Gonzalo Trenor reuníronse hoxe co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a petición do Concello, para explicarlle o contido e o alcance da emenda presentada polo PPdeG á Lei de medidas fiscais e administrativas para 2027 sobre as plantas de biogás, un asunto polo que desde o Concello se mostrou especial interese.
Durante o encontro, os deputados do Grupo Parlamentario Popular detallaron que a emenda –actualmente en tramitación parlamentaria- establece unha moratoria temporal, dun máximo de dous anos, de todos os procedementos autonómicos necesarios para autorizar novas plantas de biogás que realicen operacións de tratamento de residuos. Esta suspensión aplicarase, subliñaron, mentres a Xunta non elabore e aprobe, no marco do Plan de xestión de residuos industriais de Galicia, unha planificación propia e específica que ordene onde e como se poden implantar.
Explicaron, tamén, que a moratoria afectará non só a futuros proxectos senón ás ampliacións importantes das instalacións xa existentes e aos expedientes que estean agora mesmo en tramitación, que quedarán suspendidos sen que as empresas perdan as xestións avanzadas. Quedan excluídas unicamente as plantas ligadas a unha explotación agraria ou gandeira que traten exclusivamente os seus propios residuos e as instalacións imprescindibles para o servizo público de xestión de residuos urbanos ou de depuración de augas residuais, que non se verán afectadas.
Os parlamentarios populares lembraron que o grupo promoveu esta iniciativa despois de recibir as consultas de varios concellos galegos con plantas de biogás proxectadas, e como resposta á sensibilidade social e municipal detectada en torno a esta cuestión. O aproveitamento do biogás, sinalaron, é unha oportunidade para tratar residuos orgánicos de xeito sostible e producir enerxía renovable, pero o seu desenvolvemento ten que facerse “con sentido común, de maneira ordenada e equilibrada co territorio”.
Con esta emenda, concluíron, o PPdeG pretende achegar “seguridade xurídica”, “máxima protección ambiental” e unha resposta responsable e directa “á inquietude social” existente en varios municipios de Galicia a través dunha planificación ordenada do seu desenvolvemento en todo o territorio.