O PPdeG pecha un período de sesións “intenso e de traballo útil” co balance de catro novas leis e a aprobación do teito de gasto de máis de 15.000 M€. Así o remarcou, esta mañá, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, quen salientou que, fronte á parálise e o ruído de fóra, Galicia funciona “con estabilidade, xestión e rigor”, grazas a un goberno que goberna.
Acompañado dos viceportavoces Paula Prado, Cristina Sanz e Roberto Rodríguez, Pazos apuntou que, como resultado dun Parlamento que lexisla e se dedica a atender os problemas reais da cidadanía, saíron adiante catro normas coas que o PPdeG busca “protexer ás persoas, fortalecer os servizos públicos e preparar Galicia para o futuro”. Así, referiuse á Lei do clima, que sitúa a Galicia á vangarda europea protexendo o ambiente e a industria; á reforma da Lei de Saúde, deseñada para blindar a seguridade dos profesionais sanitarios ante as agresións; á Lei de medidas fiscais, que alivia a economía das familias coa exención nos libros de texto; e á ampliación da norma para postos de difícil cobertura no SERGAS, orientada a fixar médicos especialistas onde máis se necesitan.
Asemade, Pazos puxo en valor a “dous asuntos estratéxicos de país” como son a aprobación do Ditame sobre discapacidade, un documento clave que “pon no centro os dereitos, a autonomía e a inclusión destas persoas” e que serve de folla de ruta para as administracións; e a Comisión do leite, que nace para pór en marcha medidas reais que protexan aos gandeiros nas negociacións dos prezos e garantan o futuro das explotacións gandeiras.
O NON A TODO DO BNG E UN PSDEG SUBMISO A MADRID
Por outra banda, lamentou que este período de sesión estivese marcado pola “rotura da cortesía parlamentaria” por parte de PSOE e BNG. Segundo criticou, os grupos da oposición “dinamitaron o respecto institucional” ao romper unilateralmente acordos verbais e difundir acusacións falsas á prensa, unha actitude que, para Pazos, reflicte unha oposición “empeñada na confrontación e en frear o avance de Galicia».
Neste contexto, situou ao BNG nun “non por sistema” a todo, tratando de impor a súa ideoloxía radical aos intereses do país. Como exemplos, afeou o seu silencio ante Madrid cos atrancos no traspaso da AP-9, a súa aposta pola imposición e ausencia de diálogo no Pacto pola Lingua e a incapacidade de rexeitar un modelo de financiamento que prexudica aos galegos para non molestar ao independentismo catalán. “É un nacionalismo de pancarta que, á hora da verdade, sempre dá as costas a Galicia”, dixo Pazos. Ao mesmo tempo, cualificou ao PSdeG como un partido “mudo e submiso” ao Goberno central, que en Galicia “nin fai nin propón” por ir a remolque dos nacionalistas.
ESTABILIDADE FRONTE A CAOS
Contrapuxo a situación de estabilidade de Galicia co “caos” no que vive instalado o Goberno central: “Galicia segue avanzando, a pesares do lastre dun Goberno central en agonía política crónica e nun estado de parálise lexislativa irreversible”. Neste sentido, censurou a imaxe dun Pedro Sánchez “atrincheirado” á fronte dun executivo asediado pola corrupción e incapaz de artellar maiorías ou sacar adiante os orzamentos, mentres persiste nos seus agravios e no seu trato inxusto cara a Galicia.
INTENSA ACTIVIDADE PARLAMENTARIA
O portavoz popular referiuse, tamén, a que, ente xaneiro e xullo, celebrouse un total de 151 sesións, entre plenos –con máis de 151 horas- e comisións –arredor de 335 horas-. Do mesmo xeito, fixo fincapé nas 117 PNL –22, en pleno e 95, en comisión-, nas 76 preguntas orais –33, en pleno e 43, en comisión- e nas case mil preguntas rexistradas en total.
Así mesmo, aproveitou para agradecer o esforzo pola transparencia realizado polo Goberno galego, grazas ás intervencións de 11 conselleiros en pleno e de 51 membros do Goberno en comisións: “Isto significa que, cada 48 horas de actividade parlamentaria, polo menos un membro do Goberno galego compareceu en sede parlamentaria”.