Tellado contrapón a resposta sensata do Goberno galego coa do BNG, que pide o peche de toda a actividade económica, e coa inacción total do PSdeG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, demandou a implicación de todas as administracións no apoio á hostelería e o turismo xa que é unha responsabilidade compartida que debe ter unha resposta semellante á da Xunta: “Empezando polo Goberno do Estado, que pode contribuír coa rebaixa do IVE turístico e evitando a subida de impostos que reducirá á demanda; e tamén as deputacións provinciais e os concellos, rebaixando os tributos e taxas locais como o IBI e facilitando os trámites”.
Como destacou, o Goberno galego vén de tomar unha serie de decisións moi necesarias pero tamén moi difíciles xa que son a única forma eficaz de minimizar os riscos desta pandemia e de protexer a saúde das persoas. “Estas medidas constitúen unha resposta sensata, fronte a dous extremos: os que piden o peche de toda a actividade económica en Galicia e o confinamento, como o BNG; e os que apostan pola inacción e esperar a ver que pasa, como é o caso do Goberno socialista e do PSdeG”, explicou.
O número dous dos populares contrapuxo a actitude destes partidos coa da Xunta, que xa anunciou un plan de apoio á hostalería sen precedentes con achegas directas de ata 7000 euros e que se une ao plan de rescate aos autónomos, ás axudas directas ao turismo e ao conxunto de accións enmarcadas no Plan de Reactivación do Goberno galego. “Un importante despregue de medidas que buscan manter o emprego e protexer o tecido empresarial na nosa Comunidade pero que non serán suficientes sen o apoio doutras administracións”, insistiu.
LEI EDUCATIVA PARTIDISTA E IDEOLÓXICA
Por outra banda, cuestionou que o Goberno de PSOE e de Podemos aproveite esta situación que estamos a vivir para “colarnos pola porta de atrás” unha reforma tan importante como a da Lei Educativa. “A Lei Celaá é un autentico despropósito porque é profundamente partidista e ideolóxica, restrinxe o dereito a decidir das familias, quere facer da lingua unha causa de conflito e pretenden aprobala sen chegar a ningún tipo de acordo”, subliñou.
Nese senso, incidiu en que se trata dunha normativa que ataca ao ensino concertado, impón a distribución do alumnado desde a Administración, vai en contra do modelo de inclusión e introduce a políticos nos Consellos Escolares. Ademais, criticou que traten de impoñer esta lei sen acadar un mínimo acordo co conxunto da comunidade educativa enterrando definitivamente o Pacto de Estado pola Educación.
“Invito a Ministra Celaá a fixarse no modelo educativo galego, que produce uns excelentes resultados, moi por encima da media nacional, como acaba de demostrar o ultimo informe Pisa; que aproveita a enorme riqueza de ter dúas linguas; e que respecta a liberdade das familias e a autonomía dos centros educativos”, apuntou o secretario xeral.
UNS ORZAMENTOS QUE SON UN AGRAVIO
Por último, Tellado celebrou que o Bloque Nacionalista Galego se una ao PPdeG nas críticas aos PXE, pois nun primeiro momento aplaudíronos en base ao premio de consolación da AP-9 obviando que eran os peores orzamentos dos últimos 15 anos -non só esquecen outras autovías como A-53 senón que reducen o investimento nun 11% e abandonan todas as grandes infraestruturas galegas-.
“Agora queda por ver se o BNG será consecuente e vota en contra dos Presupostos Xerais do Estado, que son un agravio para todos os galegos, ou se someten, unha vez máis, aos seus socios de Madrid”, sentenciou.