O PPdeG defendeu hoxe no Senado o acordo unánime do Parlamento de Galicia para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia, e logrou a aprobación de 7 emendas que serven para recuperar a proposta orixinal, na que se garanten todos os recursos económicos necesarios para a súa xestión, e corrixir o “pacto de traidores” executado por PSOE e BNG, co apoio de Sumar, no Congreso dos Deputados.
Na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible, na que se debateu a Proposición de Lei Orgánica de transferencia de titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade, os senadores galegos Nidia Arévalo, José Manuel Barreiro e José Manuel Rey Varela volveron situarse como os garantes de que se respecte o acordo respaldado por todas as forzas políticas representadas na Cámara galega. As emendas presentadas polos populares saíron adiante cos seus votos, mentres que PSOE e BNG votaron en contra.
O PP xa votara, na Comisión de Transportes da Cámara Baixa, en contra do ditame da ponencia sobre a devandita Proposición de Lei Orgánica, por considerar que co novo texto, que “deturpa” e “racha” co orixinal, “Pedro Sánchez pretende aforrar unha vez máis a costa do peto dos galegos e galegas”. Galicia, remarcaban os populares, “quere a transferencia da AP-9, pero sobre a base da vontade expresada na Cámara, non a calquera prezo”.
José Manuel Barreiro preguntouse hoxe no Senado “que mudou” desde que se votou o texto da transferencia no Parlamento de Galicia ata que se modificou no Congreso, e lembrou que “cando un Parlamento fala, deixa de falar cada grupo político, fala a sociedade a través da institución que a representa”. Por conseguinte, “os gobernos mudan, as maiorías mudan, pero os acordos unánimes dun Parlamento deberían ter vocación de permanencia”.
O senador galego contrapuxo que o PP “tivo a mesma posición en Santiago, no Congreso e no Senado”, polo que PSOE e BNG deben aclarar as “razóns” polas que mudaron a súa postura, de tal xeito que “din unha cousa en Galicia e outra distinta en Madrid”. “Non estamos pedindo confianza para o PP, estamos pedindo respecto para o Parlamento de Galicia e para os galegos”, incidiu.
José Manuel Barreiro sinalou que “non existe maior fortaleza para o autogoberno que a capacidade das súas institucións para alcanzar acordos, e esixir que sexan respectados”. E lamentou que a outros partidos políticos lles serva que “nos conformemos con menos dos acordos que Galicia pediu unanimemente”, incidindo en que son o PSOE e BNG os que “están boicoteando a transferencia da AP-9 e os que deben dar explicacións de porque decidiron cambiar o acordo inicial”.
“SEN TRAMPA NIN CARTÓN”
O PPdeG vén reivindicando que a transferencia da AP-9 debe vir acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión e que deben manterse todos os compromisos adquiridos, asegurando que se realice coas responsabilidades financeiras delimitadas, sen “trampa nin cartón e sen riscos ocultos para Galicia”. De feito, o texto modificado no Congreso conleva consecuencias “desastrosas”, de 4.000 millóns de euros de custo, para os petos dos galegos e galegas.
A transferencia a Galicia da autopista debe vir acompañada de dous requisitos. Por unha banda, o Goberno de Pedro Sánchez debe seguir financiando os compromisos adquiridos, dotando á Xunta de medios financeiros para ampliar as bonificacións das peaxes nun vial cuxa concesión a Audasa remata en 2048, salvo que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamine o contrario.
Ademais, a transferencia da AP-9 debe “suprimir” o incremento tarifario do 1% anual que Audasa aplica desde 2019 en concepto de compensación económica polas obras de ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago, unha actualización que se manterá por un período de 20 anos e que foi acordada na época do expresidente Zapatero. “O texto remitido desde o Parlamento de Galicia instaba ao Estado a amortizar esa suba”, lembran os populares galegos.
Do mesmo xeito, o PPdeG amosa a súa preocupación ante a desaparición neste acordo dunha disposición na que se obrigaba ao Goberno de Sánchez a asumir as obrigas económicas e financeiras en caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as cales se acordou a ampliación do período concesional. Recordan tamén que a Comisión Europea advertiu, ademais, de que España podería ser levada ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas.