Santiago, 18 de outubro de 2022.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, insistiu hoxe no Pleno do Parlamento galego o rexeitamento dos ataques e medidas que sofre o sector das artes de fondo por parte da Comisión Europea, rectificando e anulando o novo regulamento polo que se determinan as zonas vedadas a este sector.
“Xa levamos moitas veces denunciando que o Executivo comunitario actúa de mala fe, que non revisou como se comprometera esa medida e que a decisión tíñaa tomada de antemán”, apuntou.
Teresa Egerique criticou que, logo de tres acordos por unanimidade, a comparecencia da conselleira do Mar e unha carta asinada polos tres portavoces parlamentarios remitida ao comisario Europeo de Medio Ambiente, ao embaixador da Representación permanente de España ante a UE e ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, “o BNG volva hoxe ao Pleno cunha nova proposta de acordo coa que queren emendar algún erro que cometeron en Bruxelas ou insistir en que non teñen nada que ver co grupo ao que pertence o comisario que tomou a decisión deste veto”.
Deste xeito, a portavoz popular demandou ao BNG que “cambie de grupo no Parlamento Europeo ou deixen de tapar o posicionamento do grupo dos Verdes ao que pertencen e que tanto prexudica á pesca galega”. “Pedímoslles coherencia e que deixen de xogar ao despiste, porque coherencia sería romper cos Verdes en Bruxelas, que son os que ignoran, os que desprezan e os que co seu medioambientalismo radical non entenden a pesca galega”, subliñou.