Santiago, 26 de abril de 2018.- A portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodríguez Arias, avanzou hoxe que a Xunta ten previsto completar o acondicionamento da Residencia de maiores de Campolongo en Pontevedra coa creación dunha sala polivalente, un novo comedor, a instalación dun ascensor, a reorganización dos servizos de enfermería e a construción de aseos adaptados. “Estas actuacións están incluídas na partida orzamentaria de dous millóns de euros coa que a Xunta dará continuidade este ano ao Plan de melloras da rede autonómica de residencias”, apuntou.
Marta Rodríguez salientou o compromiso da Xunta coa mellora das instalacións da residencia de Campolongo, que se traduciu a finais do pasado ano coa posta en marcha dun novo comedor na zona central do cuarto andar, un novo centro de enfermería, melloras nos ascensores e a adquisición de novas axudas técnicas e equipamentos.
“Na actualidade, e logo de que en 2016 se procedera tamén á renovación da lavandería e de todo o material de enfermería, a Consellería de Política Social está executando obras de reposición do equipamento da cociña”, apuntou