O Partido Popular de Galicia urxe ao Goberno central a que dote ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que operan na nosa Comunidade dos medios necesarios para garantir tanto o cumprimento seguro e eficaz das súas funcións de seguridade como a protección da integridade física dos axentes.
Faino a través dunha proposición non de lei rexistrada no Parlamento de Galicia logo de que a secretaria xeral do partido, Paula Prado, a secretaria nacional de Interior do Partido Popular, Ana Vázquez, e o deputado autonómico Jesús Fernández Rosende mantiveran unha reunión con representantes de sindicatos policiais e asociacións profesionais de gardas civís na que estes trasladaron o seu descontento ante a “infradotación” e a “precariedade” material que sofren no seu día a día.
Unha situación que supón un risco tanto para a seguridade dos axentes como para a da cidadanía no seu conxunto, xa que “os retos relacionados co aumento da criminalidade e da percepción de inseguridade en certos contextos requiren ferramentas modernas que permitan unha actuación máis eficiente”.
Neste contexto, defenden os populares na súa iniciativa, mellorar os recursos e os medios dos que dispoñen as Forzas e Corpos de Seguridade para desempeñar “en condicións de calidade, confortabilidade e funcionalidade” as súas funcións –desde os recursos tecnolóxicos ata os vehículos de servizo, así como as instalacións– “contribúe a reforzar a súa eficacia na prevención e persecución do crime”.
O que demandan, polo tanto, é que o Ministerio do Interior proporcione a todos os axentes cámaras persoais para garantir a súa seguridade e integridade física, recoller probas e previr abusos e lles facilite canto antes outros materiais tales como chalecos antibalas, esposas de seguridade, cintos de ancoraxe, sprays defensivos, fundas antirroubo para armas curtas ou dispositivos Taser.
Así mesmo, reclaman a realización dunha auditoría pública e anual dos recursos materiais asignados ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado “co obxectivo de garantir que os recursos non só sexan suficientes e eficaces, senón que tamén estean ben xestionados e cumprindo prazos que no se prolongan no tempo”.
Tamén poñen de manifesto a necesidade de que se rehabiliten as instalacións que actualmente se atopan en peores condicións, así como de que se renoven aqueles vehículos de servizo dos distintos organismos e dependencias que o requiran.
Por último, demandan que se proceda a establecer un novo sistema actualizado de dietas separado do resto dos funcionarios da Administración Xeral do Estado que teña en conta a propia especialidade do traballo desempeñado e que supoña un incremento das retribucións en concepto de dietas.
OUTRAS DEMANDAS PARA A MELLORA DA SEGURIDADE EN GALICIA
Máis alá destas cuestións específicas e vinculadas ao cumprimento do artigo 14.1 da Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade, a iniciativa rexistrada polo PPdeG tamén afonda noutras reclamacións que levan anos trasladando ao Goberno de Sánchez e que seguen pendentes de resolución.
É o caso da declaración de profesión de risco e a correspondente xubilación anticipada para os membros da Garda Civil e da Policía Nacional, a equiparación salarial co resto de corpos de Policía Autonómica, a actualización do catálogo de postos de traballo, a cobertura das vacantes e a modificación da lexislación vixente para deixar fóra da aplicación do código penal militar os feitos que se produzan fóra do ámbito laboral.