A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende que “Galicia merece máis” fronte ao “espectáculo político” que acurrala ao Goberno de Pedro Sánchez, o “indutor, financeiro e beneficiado do caso de corrupción máis grave da nosa democracia”. Así mesmo, critica a “hipocrisía” dos seus socios, o BNG, que “agochan a cabeza en Madrid e fan caso ao seu líder, quen pretende aforrar unha vez máis a costa do peto dos galegos”. Neste sentido, volveu esixir unha transferencia da AP-9 “sen trampas” fronte á “traizón” da esquerda.
Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica, na que defendeu que o PPdeG “seguirá reclamando o que lle corresponde a Galicia, sen medias tintas e sen recortes”, fronte a esa traizón de PSOE, BNG e Sumar, que rebaixaron o acordo unánime aprobado no Parlamento galego para a transferencia da AP-9. Lembrou tamén que o custo adicional calculado polo Goberno galego que suporía a nova proposta de transferencia ascendería a 3.938 millóns de euros.
“Non queremos versións rebaixadas e descafeinadas, pois abren a porta a impoñer hipotecas e obrigas aos contribuíntes galegos para aforrarllas a Pedro Sánchez”, explicou Prado, que lamentou que a listaxe de agravios con Galicia sexa “máis longa”, citando a falta de financiamento con cuestións como a educación, a dependencia ou o financiamento autonómico. Neste último punto lembrou o que dixo recentemente o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sobre a falta de consenso coas comunidades autónomas, mentres outras se ven beneficiadas. “Os recursos que son de todos, debátense e repártense entre todos”, destacou.
A VOCACIÓN DE SÁNCHEZ: MANTERSE NO PODER
Tamén lamentou que a vocación de servizo público de Sánchez non exista, xa que o que ten é “moita vocación de si mesmo, de manterse no poder a costa de todo e de todos, con enganos e secuestrando apoios”.
“Mentres o PSOE falaba fai tempo dunha mazá podre, agora evita falar desa árbore enferma desde a súa raíz, que é Pedro Sánchez”, sinalou Prado, que lamentou que os socios de Goberno, o BNG, “enganen a todos os galegos e galegas, que lonxe de querer o mellor para Galicia, busca que o señor Sánchez siga mantendo o seu sillón na Moncloa”.
Para a número dous dos populares galegos, a líder do independentismo galego, Ana Pontón, forma parte dese sector do Congreso que non ve suficiente todo o que está acontecendo para convocar eleccións nacionais. “Por mor de que se dilúan máis as súas liñas vermellas, todos os españois estamos vivindo a máxima degradación da democracia”, criticou.