Santiago, 16 de outubro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, subliñou hoxe que “Galicia non arde, quéimana”, polo que manifestou que “os incendiarios non deben quedar impunes”. “Agradecemos e pedimos a colaboración cidadá para denunciar calquera actividade que poida estar relacionada con esta vaga de lumes e confiamos que as forzas de seguridade e a Xustiza traballen para que estes graves delitos, que teñen como consecuencia a ruína e a morte dalgunhas persoas, non queden sen a debida sanción”, indicou.
Pedro Puy avanzou que o Goberno galego vai solicitar a comparecencia urxente no Pleno de mañá da conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, para informar das actuacións que se levaron a cabo contra os incendios forestais desta fin de semana.
PREOCUPACIÓN E INDIGNACIÓN
Así mesmo, amosou “a fonda preocupación e clara indignación” dos deputados do Grupo Popular pola vaga de lumes que asolou Galicia nos últimos días, “principalmente ao longo do día de onte pero que continuaron esta mesma noite coa aparición de 24 novos incendios”.
Pedro Puy destacou que moitos deputados non participaron esta mañá na habitual reunión dos luns do Grupo Popular “porque están nas comarcas con máis problemas de incendios dedicándose a participar, axudar e estar cos veciños afectados polos incendios” nas súas comarcas de referencia.
APOIO
O portavoz popular trasladou o apoio do PPdeG aos familiares e amigos das catro vítimas mortais provocadas polos incendios forestais desta fin de semana en Galicia, “así como a todas as familias que como consecuencia dos lumes viron alterada a súa vida”.
Así mesmo, Puy trasladou “o noso apoio aos equipos de extinción e ás forzas de seguridade do Estado que se están a xogar a súa vida na loita contra o lume, así como ás persoas que de xeito voluntario amosaron a súa solidariedade cos veciños acudindo a axudar na extinción dos incendios”.
Pedro Puy sinalou que “os medios son superiores aos que houbo en calquera outro mes de outubro”, pero lembrou que “estamos a vivir unha situación meteorolóxica excepcional despois dunha longa seca, con vento cálido e seco do sur como consecuencia do furacán Ofelia, e unhas temperaturas inapropiadas para esta época do ano”.