Santiago, 10 de maio de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe no Parlamento que os orzamentos do Estado “contribúen á redistribución da riqueza a nivel nacional e para Galicia supoñen máis investimento, máis gasto social, máis recuperación e menos paro”.
Pedro Puy explicou que, a maiores dos 925 millóns de euros de investimento, os orzamentos do Estado incorporan outros 247 millóns de euros para Galicia correspondentes ás liquidacións positivas do ano 2015; 329 millóns de subvencións finalistas para formación profesional, políticas activas de emprego ou dependencia; a convocatoria de prazas de reposición de empregados públicos en xustiza ou sanidade; ou o abono de 10.000 millóns de euros á Seguridade Social para garantir o pago das pensións tamén aos xubilados galegos.
REDISTRIBUCIÓN
Na súa intervención, o portavoz popular animou á oposición a deixar a un lado o vitimismo respecto dos orzamentos do Estado e de consideralos como “unha subhasta, porque son un instrumento para a redistribución territorial da riqueza”.
Así mesmo, salientou que nos orzamentos do Estado para 2017 Galicia sexa a segunda comunidade autónoma en investimento per cápita e reciba o 11,5 por cento do total, “cando a nosa comunidade representa entre o 5 e o 6 por cento da poboación, o PIB ou a superficie nacional, ou cando na proposta de reforma do Estatuto do Goberno bipartito se pedía o 8 por cento”.